luns, 15 de outubro de 2012

A CTNL convoca un curso de accións de dinamización lingüística


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza esta actividade formativa co obxectivo de dotar as persoas participantes dunha metodoloxía para o deseño, xestión, implementación e avaliación de accións de dinamización lingüística.
O Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística está dirixido principalmente a traballadores/as de servizos de normalización lingüística, a traballadores/as de asociacións, empresas e outras entidades relacionadas coa normalización e a membros de equipos de normalización e dinamización lingüística do ensino, así como a todas aquelas persoas interesas en traballar pola normalización da lingua.
Cunha duración de 25 horas (20 presenciais e 5 non presenciais), este curso terá lugar, na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, todo o día do mércores 24 de outubro e mais as tardes dos mércores 7, 14 e 21 de novembro.
O curso estará impartido por Isabel Vaquero Quintela, responsable da Área de Dinamización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e autora do traballo Traballarmos en dinamización lingüística (.pdf), publicado pola CTNL. Ademais, contará cun módulo de participación e implicación, impartido polo experto en participación cidadá Xaime Subiela, e outro de mercadotecnia e comunicación, impartido polo especializado en comunicación e vicepresidente da Agal, Miguel Rodrigues Penas.
O prazo de inscrición estará aberto desde o 8 de outubro ás 10.00 h até o día 15.

Información tirada do web da CTNL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario