mércores, 13 de abril de 2016

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga convocada polo estudantado no ensino medio e universitario

Participará tamén nas manifestación previstas para esixir a paralización e derrogación da LOMCE e, por tanto, das reválidas.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere facer público o apoio á folga convocada polo estudantado galego no ensino secundario e universitario para mañá mércores, 13 de abril, baixo o lema “Defender o público é defender o futuro, nin imposicións españolas nin europeas, non á LOMCE e non ao 3+2”.
Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público son numerosas as razóns que xustifican esta convocatoria. É totalmente inaceptábel que a Consellaría de Educación continúe obcecada coa aplicación da LOMCE, malia a constatación de que está a supor unha involución educativa e un deterioro do ensino público. A súa disposición a convocar este curso a proba xeral de 3º de Primaria e a proba de avaliación final de 6º de Primaria son a evidencia de que sufrimos unha Consellaría que actúa exclusivamente en función dos seus intereses ideolóxicos e partidarios e con total submisión ao Goberno de Madrid, no canto de proceder en función das necesidades do sistema educativo galego.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público participará tamén nas manifestación previstas para esixir a paralización e derrogación da LOMCE e, por tanto, das reválidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario