Diante do anuncio das datas de celebración da “Avaliación diagnóstica individualizada”, o STEG non pode facer outra cousa que reiterar o comunicado que publicou o pasado día 8, e lembrar que solicitou á Consellería a suspensión das reválidas posto que o Congreso dos Deputados votou a favor de paralizar a súa implantación como medida previa á súa derrogación.
Sen entrar en cuestións como que para o alumnado de 6º as competencias teñen que estar plenamente adquiridas mes e medio antes de que remate o curso escolar, no STEG temos moitas razóns para opoñérmonos a estas reválidas:
- Como se viu o curso pasado, a non asistencia non implicou perxuízo nin sanción ningunha para o alumnado nin para as súas familias.
- Aínda que non influirán na nota media nin na posibilidade de promoción, si que figuran no expediente, co cal pode haber nenas/os que queden xa “marcadas/os” por unha soa proba.
- Adxudícaselle unha nota a un alumnado moi novo, sen considerar para cada estudante condicionantes fundamentais: contexto sociocultural e socioeconómico, alumnado con necesidades especiais, etapa do proceso madurativo, evolución durante o curso, etc.
- Un dos obxectivos non explícitos desta proba é o de crear un ránking de centros, que na práctica favorece a creación de guetos educativos, nos que os centros ou comarcas con peores resultados na proba, serán os que reciban menos recursos para o curso seguinte. Deste xeito complétase e perpetúase o círculo vicioso iniciado pola Administración: no inicio de cada curso non se dota dos recursos necesarios aos centros de ensino público, o que incide negativamente nos resultados, os centros con peores resultados verán reducidos os seus recursos en vez de recibiren máis apoios e dotacións como debería ser en boa lóxica.
- A LOMCE conta co rexeitamento da comunidade educativa e foi deslexitimada por votación das maiorías parlamentarias actuais, polo que o seu percorrido será moi curto ou nulo. Por tanto, sería desexábel centrar os esforzos do alumnado e do profesorado no verdadeiramente substantivo e prescindir daqueles elementos que están lonxe de achegar beneficio ningún para o Ensino.
- O mantemento destas reválidas supon un dispendio innecesario, tanto pola celebración das probas en si coma polo investimento de cartos públicos, a través dos contratos-programa, para preparar esas probas.
- Trátase dun ataque e un menosprezo brutal á avaliación gobal e continua realizada nos propios centros de traballo polas/os titoras/es e déixase de lado o carácter sumativo e formativo que debera posuír a avaliación.
- Condiciona o traballo do profesorado que só poderá traballar os contidos para esa proba, deixando de lado o currículo ordinario e perdendo polo camiño os contidos necesarios para que os procesos de ensino-aprendizaxe sexan os mellores para o alumnado.
- Non facilita solucións para corrixir as dificultades na adquisición de competencias (ten un marcado carácter sancionador), ignorando medidas de probada efectividade como:
- Aumentar o profesorado de apoio
- Reducir a carga horaria do persoal docente
- Reducir as ratios de alumnado
- Recuperar o investimento na atención á diversidade como un dos eixos fundamentais para un ensino público de calidade, conforme aos criterios de igualdade, equidade e xustiza social, corrixidor da fonda desigualdade social que está a vivir o noso país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario