martes, 19 de abril de 2016

Educación e Sanidade formarán aos docentes en primeiros auxilios, soporte vital básico e desfibrilación externa

  • Trátase dun convenio de colaboración co fin de dotar ao profesorado destas habilitades, que despois lle transmitirán ao alumnado de ESO
  • O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de concienciar aos mozos e mozas na importancia de prestar unha correcta actuación, tanto para salvar vidas, como para ser “cidadáns responsables”
    O conselleiro de Sanidade resaltou que a atención urxente constitúe un dos piares básicos do sistema
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o titular de Sanidade veñen de unir forzas para mellorar e facilitar a intervención do profesorado galego ante posibles urxencias médicas nos centros educativos. Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuiña, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración para formar e habilitar aos docentes galegos en materia de prestación de primeiros auxilios, soporte vital básico e desfibrilación externa automática.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou a importancia de promover a implantación de cursos de reanimación cardiopulmonar (RCP) nas escolas, xa que o 100% da poboación pasa por elas. Desta forma, ao longo dos anos, lograríase formar a toda a poboación en RCP, o que suporía un aumento da supervivencia de paradas cardiorrespiratorias e unha diminución das secuelas.

Transmisión de coñecementos ao alumnado

Ao abeiro deste acordo de colaboración entre Cultura e Educación e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o profesorado recibirá formación mixta (cunha parte on-line e unha parte presencial) e a través dos recursos conxuntos da Rede de Formación do Profesorado e a Fundación 061.
E unha vez os docentes estean acreditados, establecerase un calendario de formación do alumnado de ESO, favorecendo así unha transmisión de coñecementos en cascada. Pola súa banda, a Fundación cederá o material docente que se empregará na formación dos estudantes.

Protocolo de Urxencias Sanitarias

Ademais, o conselleiro de Educación lembrou as actuacións que o seu departamento ten desenvolvido en materia de educación sanitaria, como a posta en marcha do protocolo de Atención en Urxencias Sanitarias e Enfermidade Crónica, elaborado o ano pasado ao abeiro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.
Orixe: http://www.edu.xunta.es/portal/node/18730

Ningún comentario:

Publicar un comentario