martes, 26 de abril de 2016

Supersementes de medrar libres e ceibas

Que se metamorfosee o mundo e que sexamos como bolboretas, libres, ceibas e felices. Porque outro mundo é posible aínda que nos queiran enganar. E con este imos mal. Díxoo Lydia Botana na actuación do seu grupo, Bolboreta, na festa de 5º aniversario da Semente. E foi un resumo posible, en poucas palabras, tanto do ambiente da celebración como do proxecto transformador da escola Semente. Aberto por Alegría, chamábase a festa. E houbo alegría a esgalla. Enerxía. Nun Auditorio de Galicia perto de rebordar. E máis cando pais e nenos e nenas comezaron a erguerse das butacas para bailar e cantar.
Foi a Supernai, -Natalia Pajarito-, a primeira en saír ao escenario, presentando a Semente. Unha rede de escolas de iniciativa social de inmersión lingüística -a primeira delas, a de Compostela, impulsada pola Gentalha do Pichel-, autónomas e autoxestionadas. “Nin públicas nin privadas”, dicía Pajarito, senón como unha asociación veciñal ou as escolas zapatistas. Laicas, ecoloxistas, comprometidas coa lingua, coa igualdade de xénero, co contexto social: o barrio, o país, o planeta enteiro. Froito da militancia e do optimismo, da confianza en que se poden mudar as cousas, de moita xente. Da superforza. Do superpoder da colectividade.
Escolas froito da militancia e do optimismo, da confianza en que se poden mudar as cousas, de moita xente. Da superforza. Do superpoder da colectividade
Con superforza, pero vocal, entrou despois Mónica de Nut, desde a parte de atrás do patio de butacas, e tocando unha buguina. Para cantar, despois, a capela, antes de subir ao escenario e facer unha sorte de coro coa súa propia voz, gravada no momento e devolta de  de inmediato ao ar ao mesmo tempo que seguía a cantar. Temas pasados pola súa interpretación persoalísima como o coñecido cantar de arrieiro Lévame, recollido, nunha versión distinta, no seu disco Dos fíos invisibles chegan as cores. Jazz, clásico e tradicional en diálogo libérrimo.
Nas actuacións fóronse alternando música e novo circo. O segundo puxérono Circonove e Peter Punk. Primeiro, Manu e Guille, con malabares con laranxas e mazás. Con máis laranxas e mazás, que se pasaban entre eles. E con mooittas laranxas e mazas. Unha morea delas cada un. Axudados coas palmas do público, que nese momento xa estaba máis que entregado. Jano encomendouse, pola súa banda, a varios santos, -entre eles San Jacobo, o de queixo e xamón-, para lidar cunha escaleira para ver as estrelas como un astronauta. Tras algún percance, entre modelados de figuras varias e, con axuda de Nantia, comprendeu que as estrelas estaban no público, e eran os nenos e nenas.
Chegou despois Susana Seivane, a ritmo de rumba e muiñeira, acompañada de Fany Ramos e Carliños Freire. Convidou o público a cantar e bailar, con pezas ben coñecidas como A saia da carolina e A Rianxeira. Non lle fixo falta insistir moito, porque pais e nenos e nenas -se non o fixeran xa- comezaron a moverse por entre as ringleiras de butacas. Volveu despois a Supernai -que fora presentando, mentres actuaba con Nair, a cada un dos artistas que ían saíndo-, e o público puido seguir cantando Sementar, sementarei de Fuxan os Ventos, -desta volta, gravada-. E diso ía, de sementar.
Tras un número no que o corpo da Supernai se dividiu milagreiramente en dous na caixa máxica, saíndo despois ela toda enteira e máis contenta ca un cuco, chegaron Bolboreta. E con eles a festa subiu de decibelios. De intensidade. Nunca choveu foi o primeiro tema. Alegría, que nunca choveu que non escampara. Despois Corazón de ferro. Ou Irmaus, con letra de Celso Emilio Ferreiro. Comentou Lydia Botana, cantante e multiinstrumentista do grupo, que Semente, coma as escolas zapatistas citadas pola Supernai, trata de formar persoas, seres humanos, e non de educar a xente para que a súa vida se reduza a ter e ter cousas. E logo máis reggae e mestizaxe. Máis potencia absoluta. Máis superforza.
Semente, coma as escolas zapatistas citadas pola Supernai, trata de formar persoas, seres humanos, e non de educar a xente para que a súa vida se reduza a ter e ter cousas
Peter Punk chegou de último. E a independencia dos pequenos e pequenas que saíron voluntarios para axudarlle complicoulle un pouco a cousa. Nada grave. Só que que che falen de confianza mentres anuncian o número do tartazo ao pallaso… pode impresionar un pouco. Primeiro foi Moncha -Lía-, que o deixou plantado no escenario ante tal panorama, por moitas figuras cun globo que acababa de facer, e moi ben, Peter. Despois outra Moncha -Icía-, que tomou a mesma decisión. Confías en min?, preguntáballe Peter.
Por que non vas confiar nun pallaso se hai quen confía en Mariano? (Rajoy), dicía Peter Punk
Por que non vas confiar nun pallaso se hai quen confía en Mariano? (Rajoy), dicía. Pero nin con esas. A máis valente foi June, que despois de carreiras polo escenario, acabou dándolle ao pallaso o seu merecido tartazo, privilexio que conseguiu por estar disposta, antes, a recibilo, sen saber que era unha broma e que non ía recibir tal. Peter Punk dedicoulle todo aos nenos e nenas, e en especial aos nenos e nenas refuxiados, como membro de Pallasos en Rebeldía que é. Tras esa actuación, -a máis punk, co mesmo ton reivindicativo e divertido de Bolboreta-, saíron todos os artistas. E tamén Maribel e Manolo, da organización. Ou John, de son. E así foi, até a próxima festa da semente. Da superforza de medrar para ser libres e felices.

Ningún comentario:

Publicar un comentario