Seguimos
a falar de iniciativas galegas de impulso ao software libre:
actividades para amosar ante a cidadanía as vantaxes de apostar pola
programación aberta, cursos, obradoiros, eventos e laboratorios.
Logo de
dar conta de LibreTeo e máis do
vindeiro hackathon dos GPUL Labs, agora é a quenda da importante
iniciativa open
source que vén de
levar a cabo o Concello de Lalín a través da Concellería de Novas
Tecnoloxías (ao
abeiro do seu compromiso coa comunidade de usuarios e desenvolvedores
de software libre). Segundo informa a Concellería, vén de publicar
a web do seu repositorio de software, concellolalin.github.io.
Neste espazo, sinala o Concello, estarán dispoñíbeis os
desenvolvementos do departamento local de Informática para que
poidan ser reaproveitados por outras administracións, empresas ou
particulares “sen ningún tipo de custe”.
A
iniciativa foi presentada este martes polo concelleiro responsábel
desta área, Tomás Vilariño, que dixo que “tralas
aplicacións de tratamento de enquisas da Feira do Cocido, do
Directorio de Empresas, agora ponse a disposición da cidadanía o
código fonte dos dous desenvolvementos”.
A
plataforma empregada para aloxar o código fonte é GitHub, que é
segundo Vilariño “a máis empregada na actualidade polos proxectos
de software libre”. En opinión do Concello, está claro que
“grazas á programación aberta e aos esforzos do departamento de
Informática”, estanse reducindo custes e optimizando os procesos
de traballo diario no concello. En termos concretos, aparte dos
desenvolvementos propios, o equipo local de Informática tamén fai
uso de solucións en software libre no seu día a día, por exemplo
Open Broadcaster Software (para
a retransmisión das sesións plenarias, GLPI
(para o inventariado e incidencias do equipamento informático),
Wordpress (para as webs de
Feira do Cocido, Roteiros e a intranet corporativa), Mediawiki
(para manter a documentación dos distintos traballos), Libreoffice e
Thunderbird (como ferramentas ofimáticas en todos os equipos) e
Drupal.org
(na web institucional lalin.gal)
Tomás
Vilariño engadiu que “a estratexia de uso de software libre fronte
ao privativo dá un valor engadido ao tecido TIC (Tecnoloxías da
Información e a Comunicación) local, que poderá integrar as súas
solucións e beneficiarse dos desenvolvementos liberados podendo
melloralos e revendelos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario