O Programa de Estudos en Man Común presentábase esta mañá en Vigo.
O Salón de actos do MARCO de Vigo acollía esta mañá o Programa de Estudos en Man Común (PEMAN) Ruralidades, Feminismos e Comúns.
Esta nova iniciativa, nada do grupo de investigación Histagra da
Universidade de Santiago, do colectivo Montenoso e mais da Rede Revolta
pretende "converterse nun espazo novo de intercambio e produción de
coñecementos" no que distintos grupos artísticos, colectivos e entidades
de investigación colaboren na "construción de novas narrativas e
lecturas que aborden os tres eixos epistémicos: comúns, ruralidades e
feminismos". O proxecto ten aberta unha convocatoria para colaborar
neste labor, dirixida a "a persoas vencelladas con comunidades
investigadoras, creativas, de montes veciñais que teñan interese na
intersección de saberes derivados de campos como as universidades,
museos, colectivos ou de espazos autoxestionados".
Pola súa banda, Nova Escola Galega celebra en Compostela entre os días
24 e 27 deste mes as I Xornadas sobre coeducación rural e diversidades.
Co lema Construíndo igualdade nas nosas aldeas o encontro
abordará cuestións como a problemática do xénero e das persoas LGTBI no
medio rural. Mediante un enfoque colaborativo, os participantes nas
xornadas tentarán analizar o xeito no que se desenvolven estas
identidades no contorno, con temas como a vulnerabilización,
estigmatización e cousificación da diversidade afectivosexual nas
contornas rurais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario