No verán daquel mesmo 2009 os daquela conselleiros de Educación e Benestar presentaron a nova imaxe destes centros: as Galescolas pasaban a ser Galiñas Azuis, adoptando a imaxe da fábula de Carlos Casares na que, non obstante, predominaban igualmente o branco e azul. Nos primeiros compases da nova xeira a antiga casiña sorrinte cunha bandeira galega conviviu en edificios e prendas de roupa coa pita acabada de chegar. Tamén nos mandilóns, que nesta media década e tamén nos anos vindeiros seguirán mantendo o deseño que noutrora era para os populares síntoma evidente de politización nacionalista.
O deseño das prendas que a Xunta encarga agora por 75.000 euros só varía o logotipo a respecto das do bipartitoO Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, agora dependente da Consellería de Política Social, vén de iniciar os trámites da compra de diversos materiais para as súas escolas. Entre eles figura a licitación, por ata 76.956 euros, de 5.300 mandilóns cun custo de ata 14,52 euros por unidade. O deseño, describe a documentación do contrato, debe ser "combinado en branco e azul", con "apertura dianteira con catro botóns de cores e peto con tapa na parte dianteira inferior dereita". As prendas deben incluír, asemade, o logo da Galiña Azul "bordado a cor na parte dianteira inferior esquerda".
A descrición que a Xunta realiza nestes documentos lembra, en boa medida, ao que durante os anos do bipartito estivo no centro da polémica política. Para que non haxa lugar a dúbidas, o Consorcio inclúe nos documentos un anexo fotográfico no que fica ratificado que, efectivamente, os mandilóns son idénticos aos das Galescolas, resultantes dun concurso de ideas convocado naquela altura polo Goberno galego, e o único que varía é o devandito logotipo.
"Menos mandilóns identitarios, máis estaleiros"
Os populares presentaban os mandilóns como parte dunha "ferramenta política e proselitista do BNG"A normalidade coa que o actual Executivo realiza esta contratación contrasta notablemente co sucedido cando os populares cuestionaban con dureza tanto o deseño destas roupas escolares como o feito mesmo de que o alumnado das escolas infantís tivese que vestir un mandilón coas cores decididas dende a Xunta. As familias, dicía Alfonso Rueda en febreiro de 2007, víanse "obrigadas a tragar cos mandilóns" dentro do que o PP definía como unha "ferramenta política e proselitista do BNG". "Menos mandilóns identitarios e máis estaleiros", resumía o propio Feijóo na xornada en que a Vicepresidencia anunciara a implantación das prendas. O seu uso, dicían os conservadores, era unha imposición en si mesma.
A cuestións dos mandilóns foi recuperada polo PP apenas tres meses despois, durante a campaña das municipais dese ano. Diante daqueles comicios, proclamou Feijóo nun mitin en Verín, cada elector terái que "pensar por si mesmo". "Os do Bloque non deben pensar por nós", alertaba, xa que a pretensión da formación nacionalista era "poñer mandilóns, ir ás galescolas e mercar bonecas que falen galego".
Ningún comentario:
Publicar un comentario