Os
tempos mudan, mais as preferencias en canto a lecer dos menores
semellan non variar moito co paso dos anos, así o constatou a
investigadora de CCSS e da Comunicación Beatriz Feijóo na súa tese
de doutoramento A infancia ante as pantallas: Análise do consumo
de medios audiovisuais (TV, videoxogos e internet) entre os nenos
galegos do último curso de primaria en 2010.
No traballo levado a cabo por Feijóo entrevistáronse a máis de
2000 estudantes de 6º de primaria de diferentes localidades galegas
concluíndo que, malia que internet e os videoxogos ocupan cada vez
un meirande espazo na vida da rapazada, a televisión continúa a ser
a predilecta. Outro deito a sinalar froito deste estudo é que os
nenos e nenas galegos adican máis de dúas hora ao día ao consumo
destes tres medios, segundo constatou a investigadora.
Outro
aspecto comprobado é que o tempo adicado a estes dispositivos
"increméntase de xeito acusado" nas fins de semana, así
como o feito de que o peso crecente que estas teñen na vida e no
lecer dos nenos non implica o abandono das actividades sociais, “xa
que a maioría sinalaron que tamén lles gusta moito investir o seu
tempo libre cos seus amigos ou xogando na rúa”.
O obxectivo
final deste ensaio, dirixido polos profesores de CCSS e da
Comunicación Aurora García e Jesús Pérez Seoane, era o de coñecer
“o nivel de penetración e uso das pantallas” entre a infancia.
Para iso, realizou unha enquisa a un total de 2202 estudantes de 77
colexios públicos e privados das catro provincias, que responderon a
un cuestionario encamiñado a coñecer o tempo adicado á televisión,
internet e os videoxogos, así como as súas “preferencias para o
tempo libre”.
“Como
consecuencia, os nenos cada vez se distancian máis das maneiras
tradicionais de lecer infantil e optan polas novas tecnoloxías que
os achegan a modelos de lecer adulto”, engade a investigadora,
quen, non obstante, puido comprobar que o tempo que os cativos e
cativas adican ás pantallas “non implica que desatendan as
actividades sociais”.
En
resumo, os nenos e nenas galegos adican máis de dúas horas ao día
a estes tres medios, un tempo que “se incrementa de xeito acusado
os sábados e domingos” e que tamén é maior no caso dos nenos con
respecto ao das nenas, segundo comprobou Feijóo, quen tamén atopou
que “as preferencias en canto a contidos” difiren bastante
segundo o sexo, “sobre todo en programas de televisión e na
selección de videoxogos”.
No tocante á televisión, preto do
65% dos enquisados afirmaron adicarlle “até dúas horas” nos
días de colexio, “un consumo que se incrementa de maneira
considerábel nas fins de semana”, mentres que no caso de internet,
presente no 76% dos fogares dos enquisados, con “grandes
diferencias” no grao de penetración entre a contorna urbana e o
rural, a maioría declararon permanecer conectados menos dunha hora
durante os días de colexio, tempo que de novo se incrementa nas fins
de semana. Por último, os cativos aseguraron adicar menos dunha hora
ao día aos videoxogos durante os días de colexio, mentres que, en
sábados e domingos, “máis do 50% afirmou xogar entre unha e tres
horas”.
Outra
das conclusións deste estudo é que os nenos e nenas consumen
produtos “non recomendados para a súa idade”. Nese senso, Feijóo
apunta que, no tocante á televisión citaron programas “non aptos
para unha audiencia menor de 12 ou 16 anos”, ao igual que aludiron
a videoxogos para maiores de 18. De feito, a investigadora sinala que
mentres que na televisión os nenos e nenas “en xeral si adoitan
ver as series e debuxos animados” dirixidos a esta franxa de idade,
no tocante aos videoxogos as súas preferencias pasan por aqueles “de
uso xeneralizado en todas as idades”. Do mesmo xeito, en internet
ademais de “visitar portais e servizos restrinxidos por lei a
usuarios maiores de 14 anos, como as redes sociais”, optan por
empregar tamén ”servizos, aplicacións ou portais pensados para un
público adulto”, explica Feijóo, que incide na súa tese no papel
que deben xogar pais e nais, como “responsábeis da alfabetización
dixital dos nenos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario