martes, 26 de abril de 2016

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentou as diferentes accións que integrarán a campaña contra as reválidas

Teñen como co obxectivo de que as familias non envíen os seus fillos ou fillas e facer inviábeis as probas.
 
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público continúa na loita contra a LOMCE e vén de pór en marcha a campaña contra as reválidas para que as familias non envíen os seus fillos ou fillas a facer as probas xerais de primaria. Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentaron este luns 25 de abril en rolda de prensa, en Santiago, as diferentes accións que teñen como co obxectivo facer inviábeis as probas.
Detallamos a seguir as accións previstas pola Plataforma:
- Aprobacións nos claustros e consellos escolares de resolucións contra as reválidas para o seu envío á Consellaría.
MODELO DE RESOLUCIÓN PARA OS CLAUSTROS
MODELO DE RESOLUCIÓN PARA OS CONSELLOS ESCOLARES
- Colocación de pancartas ou cartaces nos centros no lema “Nin LOMCE nin reválidas”.
- Concentracións o 4 de maio pola tarde nas seguintes vilas e cidades:
Santiago (Praza Roxa ás 18:30 horas)A Coruña (Obelisco ás 19 horas) Lugo (diante do edificio sindical Ronda da Muralla ás 19 horas)Vigo (na Farola de Urzaiz ás 19:30 horas)Carballo (Praza do  Concello ás 20 horas) Ferrol (Praza de Amada García ás 20 horas)Pontevedra (Praza da Peregrina ás 20 horas)Vilagarcía (Praza de Galiza ás 20 horas)Ourense (Xardíns Padre Feixoo de Ourense ás 20 horas)Cee (diante do CEIP Eugenio López ás 20 horas)
- Concentracións o 9 de maio durante o recreo nos centros escolares
- Concentración diante da Consellaría de Educación o 11 de maio, data na que se inician as probas.
Ademais a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público distribuirá tamén entre as familias un modelo de escrito, dirixido ás direccións dos centros, para amosar o seu rexeitamento ás probas.
MODELO DE ESCRITO PARA AS FAMILIAS
Na rolda de prensa Anxo Louzao, en representación da PGDEG explicou que “observamos con moita preocupación a posición da Consellaría de Educación que segue obstinada en seguir adiante con estas probas cando un número importante de comunidades autónomas xa anunciaron que non as van facer”. Louzao lembrou que estas probas emanan da LOMCE e que o Congreso dos Deputados xa aprobou unha iniciativa para paralizar a súa aplicación, tal e como lle demandou no seu día a Plataforma aos grupos parlamentarios.
Para a  Plataforma estas probas son unha aberración desde o punto de vista pedagóxico que non teñen en consideración a avaliación continua “que desprezan, o traballo do profesorado, que é quen mellor pode avaliar alumnado, que someten aos rapaces e rapazas  a un calvario e a unha presión innecesaria, co obxectivo de estandarizar e uniformar o sistema educativo e de crear un ranking de centros”, explicou Louzao.
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reafirmou a súa intención de combater desde o principio as probas, xa que van ser determinantes para a continuidade nos estudos, parten da desconfianza do profesorado e suporán un obstáculo máis para as clases desfavorecidas. Por todo isto a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento a todas as familias para que as pretensións da Consellaría de Educación sexan un verdadeiro fracaso.
CIG INFORMA NIN LOMCE NIN REVÁLIDAS

Documentos
20160411 CHAMAMENTO PAIS E NAIS POR MOR DAS REVÁLIDAS.pdf
20160412 SINATURA CONSELLO ESCOLAR CONTRA AS REVÁLIDAS DA LOMCE.pdf
20160411 SINATURA CLAUSTRO CONTRA AS REVÁLIDAS DA LOMCE .pdf
CARTAZ NIN LOMCE NIN REVÁLIDAS.pdf
CARTAZ CONCENTRACIÓNS DIA 4 REVALIDAS.pdf
CARTAZ CALENDARIO ACCIONS PGDEP REVALIDAS 2016.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario