O STEG ESIXE A PARALIZACIÓN DO CALENDARIO DE IMPLANTACIÓN DA 
LOMCE E A NON REALIZACIÓN DAS REVÁLIDAS DE 3º E 6º CURSO DE PRIMARIA
O pasado día 5 de abril, o Congreso dos Deputados votou favorabelmente á
 paralización do calendario de implantación da LOMCE. Aínda que poida 
parecer unha medida insuficiente, si que é un primeiro paso para impedir
 que esta inxusta e denostada Lei sexa aínda máis prexudicial para o 
ensino público.
Ben é certo que os prazos lexislativos nos que se move unha medida coma 
esta implican que non vai ter efectos a curto prazo, pero si que é un 
sinal de que a maioría parlamentaria actual coincide, alomenos na parte 
da paralización do calendario de implantación, coa opinión maioritaria 
da comunidade educativa dende hai anos: a LOMCE é unha Lei perniciosa 
que debe ser derrogada canto antes, revertendo os destrozos que xa 
causou no sistema educativo a día de hoxe.
Porén, os prazos lexislativos fan que sexa imposíbel que esta 
paralización impida celebrar as “probas de avaliación externas”, máis 
coñecidas como “reválidas”, previstas segundo os artigos 20.3 para 3º e 
21.1 da LOMCE para 6º de primaria deste curso, xa que a súa data de 
realización está demasiado próxima no tempo.
Cómpre lembrar que estas “reválidas” contan co rexeitamento maioritario 
da comunidade educativa, xa que entran en contradición co método de 
avaliación continua e global, supoñen desprazar a tarefa avaliadora a 
axentes que descoñecen o alumnado e a súa evolución e traballo diarios, e
 implican un estrés innecesario para alumnado de tan curta idade. 
Ademais, en base a esas reválidas, preténdese establecer “rankings” de 
centros (artigo 147.2), segundo o resultado destas probas. Esas listas 
servirán logo para destinar máis e mellores recursos a uns e privar 
deses recursos aos outros, rompendo a equidade e a igualdade de 
oportunidades. En definitiva, as reválidas supoñen unha medida máis das 
que fan da LOMCE unha Lei inxusta, clasista e segregadora, que busca un 
ensino elitista destinado a uns poucos que poidan pagalo a costa de 
depauperar o ensino público.
O curso pasado, o STEG levou a cabo unha campaña de boicot contra a 
reválida de 3º na que, gracias á colaboración das familias, conseguiuse 
que unha gran parte do alumnado do ensino público non acudise ao seu 
centro o día de realización das probas, mostrando así o seu rexeitamento
 frontal a esta medida.
Non realizar estas probas durante este curso non suporía ningún prexuízo
 ao sistema educativo, ao contrario: aforraríase, tanto en termos 
económicos, coma en tempo adicado polo profesorado á preparación e 
realización das probas.
Lembrar tamén, que falamos dun profesorado sobrecargado de traballo e 
que ve como aos poucos van sendo mermados tanto os seus dereitos 
laborais como económicos xa que á Administración non lle treme o pulso 
para suprimir unidades e postos de traballo no nome da austeridade.
O anuncio da Administración de querer manter estas probas a pesar de 
todo o exposto resulta unha teima inexplicábel, mantendo unnha loita 
obcecada que ata agora era contra toda a comunidade educativa e, dende 
onte, tamén contra a realidade.
Por todo isto, o STEG esixe unha vez máis á Consellería que suspenda a 
realización das reválidas de 3º e de 6º, e segue propoñendo que os 
recursos adicados a esas probas se utilicen para dotar os centros de 
profesorado de apoio e en diminuír a carga horaria de todo o persoal 
docente como medida máis eficaz para detectar e corrixir as dificultades
 do alumnado no proceso de ensino- aprendizaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario