Comeza a segunda edición do "Premio á conta 2016", que busca recoñecer publicamente aos usuarios que usan e promoven a lingua galega nesta rede social.
A Iniciativa Twitter en Galego inicia unha nova campaña de promoción da nosa lingua coa segunda edición do Premio á Conta 2016. O obxectivo é premiar o uso do noso idioma nesta rede social. Trátase dun premio de carácter meritorio, no que serán os propios usuarios de Twitter os que propoñan as candidatas a mellor conta en galego.O concurso comezou o 26 de abril e rematará o 17 de maio. Na primeira fase se recollerán todas as propostas que envien os usuarios de Twitter a través dun formulario accesible na páxina web do concurso. Só se aceptará unha proposta por enderezo electrónico e aquelas contas que cumpran os requisitos de participación. Este proceso durará do 26 de abril ao 7 de maio.
As tres contas máis mencionadas pasarán a unha segunda fase, na que un xurado elixido pola iniciativa escollerá a mellor conta, segundo seu criterio. A gañadora darase a coñecer o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.
Nesta iniciativa poderán participar todas aquelas contas que empreguen a lingua galega na maioría das súas publicacións (+80% de chíos en galego), sen restricións —incluídos xornais, movementos sociais, organizacións, negocios, contas de humor, etc.—, mais quedarán fóra todas aquelas propostas de contas que se empreguen para insultar ou teñan contido malsoante e discriminatorio.
Ademais, non se valorará a cantidade de seguidores que teñan as contas e se priorizará o bo uso e promoción da lingua galega.
Para participar neste concurso, a conta pode ser proposta como candidata polo/s propio/s responsable/s da mesma ou por calqueroutro usuario.
PREMIO
Este premio é de carácter meritorio para todas as persoas que de forma natural empregan o galego no seu día a día en Twitter, por manter viva a nosa lingua na rede e no mundo dixital, mais haberá unha pequena recompensa. A conta gañadora terá un pequeno espazo na páxina principal da iniciativa Twitter en Galego durante un ano, como xa aconteceu coa conta gañadora do ano pasado Os mellores Chíos.
Ademais, con esta convocatoria de premios quérese achegar e ligar a literatura co dixital, polo cal o concurso vén contando con padriños e madriñas. Este ano haberá como agasallo o fanzine Infumable, publicado por Afra Torrado e Rocío Martínez. Finalmente, fárase entrega dunha pequena figura para o recoñecemento e recordo da conta gañadora, informa Twitter en Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario