O CiTIUS
(Centro de Investigación en Tecnoloxías da información da
Universidade de Santiago) vén de convocar cinco bolsas de verán
cuxo obxectivo é iniciar e afianzar no ámbito investigador TIC a
outros tantos estudantes. O requisito que se lles esixe é ter
rematado o terceiro curso do grao en Informática ou de
Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou disciplinas semellantes.
Os aspirantes poderán optar ás cinco prazas que convoca o CiTIUS co
seu programa de Bolsas de Investigación Verán 2016. Tamén poderán
concorrer quen teña superado 140 créditos cunha nota media igual ou
superior a 8,0. Cada unha das bolsas está dotada con 700 euros e
unha axuda económica por gastos de traslado.
Segundo informa a
dirección do centro, con esta iniciativa “ofrecemos aos
participantes a oportunidade de viviren unha experiencia
investigadora coa que poderán aproximarse ás últimas tecnoloxías
relacionadas co Big Data, a Visión Artificial ou os últimos avances
en técnicas de ensino para o tratamento de información temporal”.
Nun plano máis concreto,
terán ocasión (durante o mes de xullo) de traballar directamente
cos investigadores principais do centro nunha das liñas de
investigación incluídas nos Programas Científicos, así como
participar en relatorios e ciclos formativos que terán lugar durante
a túa estadía.
Os Programas Científicos
entre os que se poderán elixir son os de Computación de altas
prestacións e computación na nube; eSaúde; Enxeñaría de datos;
Intelixencia ambiental e interfaces multimodais, Intelixencia de
negocio e na web; Robots persoais; e Visión artificial. As persoas
interesadas deberán remitir a documentación requirida a
citius.idi@usc.es indicando no asunto “Bolsa de verán” antes das
23.59 horas do 22 de maio. As bases
da convocatoria (en PDF) e o formulario
de solicitude poderá descargarse da web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario