Demo Editorial, o proxecto empresarial nacido das ansias de
autoeditar por parte do autor de banda deseñada Manel Cráneo en 2008, renovou
hoxe a súa páxina web, de xeito que agora conta cun deseño moderno e adaptado a
dispositivos móbiles, aínda que o máis importante deste novo curruncho na Rede
é que, aparte de manter organizados os catálogos de coleccións e autores desta
editorial de banda deseñada en galego,
incorpora unha tenda en liña
con gastos de envío de balde para pedidos en territorio peninsular de até 2
quilogramos empregando o servizo de Correos (entréganse en entre 3 e 7 días),
de 2,99 euros por mensaxería para pedidos de até 5 quilogramos (que sairía de
balde para pedidos de máis de 25 euros, e recíbense en 48-72 horas) e de 5,99
euros para pedidos urxentes (en 24 horas). Demo Editorial tamén comercializa a
través da súa páxina web unha
completa oferta de
mercadotecnia do Planeta Mincha.
Mellora da distribución da BD galega
Aínda que Demo Editorial ten na súa esencia a edición en galego, non se pecha
portas, e na
colección de
fantasía e ciencia-ficción HäinöS contan con algunha obra en español, á vez
que tamén poden presumir do feito de que o
Sen
Mirar Atrás de Dani Montero, non só gañou o Premio Castelao en 2009, senón
que tamén puido verse editada en galego, español e alemán, polo que a banda
deseñada galega pode traspasar fronteiras.
- Na tenda en liña pódense adquirir as obras de Demo Editorial dende calquera curruncho da Península Ibérica.
No catálogo da editora de Manel Cráneo podemos atopar tanto a autores que
podemos considerar auténticos clásicos do panorama galego, até novos autores,
conseguindo así un resultado moi diverso que facilita que a súa produción
editorial poida chegar a un público moi diverso, que cada día ten menos
presente a barreira xeográfica para poder facerse con banda deseñada en galego
xa que, aparte da nova tenda en liña, Demo Editorial tamén
conta cunha boa selección
de librarías especializadas repartidas por toda Galicia, mentres que fóra do
noso territorio tamén está presente nalgunhas das librarías máis senlleiras do
Estado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario