A Galipedia,
a Wikipedia galega que arestora conta xa con 129.500 artigos, vén
de celebrar un wikimaratón na Facultade de Filoloxía e Tradución
(UVigo). O obxectivo da cita (que forma parte dun itinerario de
actividades por toda a xeografía galega) foi ampliar fondos e equipo
de colaboración. A sesión veu da man da comisión de Normalización
Lingüística do propio centro. Segundo nos conta nun senso máis
amplo, a finalidade deste tipo de xuntanzas é visualizar a nosa
enciclopedia virtual perante a comunidade internauta, amosando o seu
funcionamento e facendo o posíbel para favorecer a chegada de novos
editores de contidos. A xornada foi presentada pola vicedecana Susana
Rodríguez Barcia e colleu corpo cunha introdución á Galipedia da
man dun dos seus colaboradores, Miguel Anxo Solla.
Solla expuxo perante os
asistentes o funcionamento da ferramenta para poder publicar novos
artigos ou editar os xa existentes. Xunto con Adrián Estévez,
administrador da Galipedia, convidou aos asistentes a escribir “sen
medo”, “con afouteza”, porque sempre hai tempo “de reverter
os contidos” que, segundo lembraron, “están sometidos a unha
revisión en tempo real, evitando a publicación de información
incorrecta ou non contrastada”.
Entre outras cousas,
fixeron saber que a propia Galipedia ten un asistente de creación de
artigos e un libro de estilo, así como unha guía para os que se
queren estrear, tanto cun artigo de seu, como editando un xa
existente. Tamén lembraron “algunhas liñas vermellas que non se
deben cruzar”, como a publicación de artigos de autopromoción, xa
sexa de persoas como de grupos, asociacións ou traballos ou o uso de
contidos con dereitos de autor e recomendaron “especial coidado no
tratamento de materias polémicos”, para o que debe prevalecer un
punto de vista neutro. Os mellores artigos, sinalaron, son
recoñecidos cunha estrela amarela que aparece na páxina e na
actualidade, a Galipedia conta con 63 entradas con esta distinción.
Ademais, nun plano máis
xenérico, informaron que a Galipedia atesoura a día de hoxe 129.500
artigos e 14 administradores, ao tempo que lle quitaron ferro a todo
este labor colectivo, salientando que é moito máis doado e sinxelo
do que pode parecer nun primeiro intre. Segundo fixeron saber, a
achega de entradas pódese “facer de xeito anónimo ou como usuario
rexistrado”, sendo estes últimos os que levan preto do 90% do peso
da actividade. De feito, “arredor dun 35% dos artigos foron creados
polos dez editores máis activos”, informaron, engadindo que a
estes usuarios rexistrados “presupónselles boa vontade e as súas
edicións a penas precisan revisión”.
Na actualidade a
Galipedia conta con 1000 usuarios rexistrados, dos cales 25 editan
contidos todos os días e outros 100 fano de maneira cotiá. Sobre os
contidos máis consultados, Estévez explicou que adoitan ser
xenéricos, por exemplo termos como “Vigo” e “Coruña”,
“lingua galega” ou “Galicia”. A calidade dos contidos dun
determinado tema tamén condiciona o número de visitas, engadiu,
destacando que isto axuda tamén a mellorar a información fornecida.
“Se non atopamos información de calidade, moitas veces recorremos
á Wikipedia do español ou do inglés, pero se atopamos esa
información en galego, non só consultámola decote, senón que
contribuímos a mellorala, é un proceso de retroalimentación”.
Outro aspecto que puxeron sobre a mesma foi “a escasa presenza
feminina en todas as wikipedias”. En inglés, por exemplo, o 85%
dos contidos teñen selo masculino e “en galego a porcentaxe é
algo superior”, segundo sinalaron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario