O Observatorio
Tecnolóxico PortalProgramas fixo de novo (por quinta vez) o seu
Ranking
de Universidades en Software Libre (RuSL 2016), un estudio que se
ocupa de medir o compromiso, emprego e divulgación das vantaxes e
usos e implicacións das ferramentas abertas nas 76 universidades
estatais e en 144 universidades latinoamericanas. Respecto do papel
despregado polos nosos campus, un ano máis foi moi destacado. Como
lembraremos, o ano pasado as universidades foron quen de situarse
entre as dez primeiras clasificadas: a da Coruña no sexto posto, a
de Santiago no oitavo e a de Vigo no décimo. O novo informe de
PortalProgramas reflicte
un compromiso aínda máis grande das nosas institucións académicas
co software libre: a de Coruña sobe ao quinto posto, a de Santiago
ao sexto e a de Vigo ao sétimo.
Segundo sinalan os
creadores da investigación, isto supón a confirmación definitiva
do esforzo das nosas universidades a prol da cultura informática
aberta e a prol de visualizar ante o mundo os beneficios (múltiples)
da mesma. Ademais, o destacábel papel xogado polos nosos campus
amosa, en detalle, “as vantaxes que fornece a súa oficina conxunta
de software libre á comunidade de Galicia e marcan, con isto, un
exemplo que outras comunidades poderían seguir”, sinalan dende
PortalProgramas.
Segundo nos contan dende
a USC, RuSL
é unha clasificación especializada que artella e ordena as
universidades en función de 65 indicadores que miden o traballo que
realiza cada unha delas no ámbito do coñecemento libre dende todos
os seus estamentos. O traballo levouno a cabo unha comisión de
expertos do sector coa colaboración das propias universidades. En
total avaliáronse once dimensións: Produción, Colaboración
externa, Investigación, Axuda, Docencia, Cultura en software libre,
Tecnolóxicos, Divulgación, Webmetría, Institución e
Administración. Cada una delas ten á súa vez unha serie de
indicadores de valor específico.
A metodoloxía de RuSL
segue os principios expostos polo IREG (International Ranking Experts
Group), un grupo de expertos designados pola UNESCO que desenvolveu
os principios
de Berlín para valorar Institucións de Educación Superior e
que serven para unificar as metodoloxías que se seguen na
elaboración dos rankings e así poder comparalos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario