O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de
pechar a segunda edición do seu Programa de formación a docentes,
unha iniciativa dirixida a profesoras e profesores, e que levou aos
centros educativos información sobre a relación entre protección
da información e docencia. Segundo informa o colexio que preside
Fernando Suárez, de sumar as cifras de participación da
convocatoria acabada de pechar cos números da primeira edición,
teriamos máis de mil docentes formados ao abeiro do Programa. “Unha
cifra que fala do éxito da iniciativa”, sinala a entidade
profesional, que engade que aquela foi desenvolvida en virtude do
convenio asinado coa axencia AMTEGA, un acordo encamiñado a acadar a
incorporación de toda a sociedade galega ás vantaxes das TIC.
A formación dirixida aos docentes referiuse á
protección de datos de carácter persoal e capacitación para a
introdución da programación no currículo educativo. O material que
se utilizou nestas xornadas formativas e os relatores das mesmas
foron achegados polo CPEIG. Como documento principal, cómpre
destacar o uso da Guía LOPD (Guía
da Lei Orgánica da Protección de Datos). Entre as temáticas
formativas incluíuse: servizo de revisión e actualización continua
da Guía LOPD, a raíz das novas consultas, normativa e casuística
expostas; cursos formativos de protección de datos e cursos
formativos en materia de programación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario