A iniciativa, en colaboración coa Fundación Barrié, busca espertar a curiosidade científica dos máis pequenos.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) mantén aberto ata o mes de xuño o prazo de solicitudes para que os centros de ensino das catro provincias galegas participen na XI edición de Exper-i-Ciencia CSIC, a súa actividade estrela en Galicia no ámbito da divulgación científica e que conta desde o ano 2012 coa colaboración da Fundación Barrié.O obxectivo deste proxecto é achegar a ciencia á comunidade educativa mediante visitas de persoal científico-técnico aos propios centros de ensino. Con estes encontros búscase espertar a curiosidade e o interese pola ciencia dos máis novos, polo que os temas científicos son abordados dunha forma didáctica e divulgativa sen perder o rigor. Así mesmo foméntase o diálogo entre relator, estudantes e docentes, sobre o traballo científico, as vocacións temperás e as investigacións futuras. Nalgúns casos as visitas inclúen sinxelas experiencias participativas.
Foméntase o diálogo cos docentes para que logren transmitir o entusiamo pola ciencia ós alumnosExper-i-Ciencia CSIC articúlase ao redor de encontros científicos dunha hora de duración aproximadamente que teñen lugar nos propios centros de ensino. Os encontros, desde primaria a bacharelato, divídense en tres bloques: presentación e exposición dun tema científico acompañado, en ocasións, dunha sinxela experiencia; debate co alumnado e os docentes, despedida e entrega de obsequios. Na exposición do tema trátanse en ton divulgativo cuestións de interese xeral acerca das áreas de investigación que se desenvolven nos centros do CSIC en Galicia.
“Un dos principais valores deste proxecto é o de levar a investigación a localidades de tamaño medio e pequeno, nas que hai unha escasa ou nula oferta de actividades de divulgación científica. Os encontros, ademais de fomentar a aprendizaxe de contidos, buscan achegar aos profesionais da ciencia aos centros educativos para transmitir o seu entusiasmo pola investigación e espertar así, actitudes positivas cara á ciencia”, sinala Luisa Martínez, responsable da UCC do CSIC en Galicia.
Esta actividade cobre todos os niveis educativos desde infantil ata bacharelato, é gratuíta e pode ser solicitada por calquera centro de ensino galego. As solicitudes poden realizarse a través do correo electrónico mediante o formulario dispoñible na páxina web da Delegación do CSIC en Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario