Investigadores das universidades de Oxford e Cambridge participarán neste evento.
O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, inaugurará o próximo día 25, ás 09:00 horas, as Xornadas Big Data Coruña 2016, que terán lugar na Facultade de Informática o lsuns e o martes.Big Data, ou datos masivos, fai referencia ao almacenamento dixital de grandes cantidades de datos e á forma de localizalos e encontrar patróns repetitivos. Esta disciplina enmárcase dentro das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, TIC. As técnicas de análise Big data poden crear valor facendo que a información sexa moito máis transparente e utilizable de maneira máis rápida, permitindo ás empresas que posúan información e coñecemento máis detallado sobre os seus procesos e realizar simulacións detalladas que lles permitan tomar mellores decisións. Prevese neste campo unha necesidade de profesionais enorme nos próximos anos. Só en Estados Unidos necesitaranse en 2018 uns 190.000 profesionais con coñecementos de analítica de datos, así como 1,5 millóns de xestores e analistas co know-how necesario en big data para tomar decisións efectivas.
A UDC conta cun grupo de investigación que traballa desde 2009 en temas de aprendizaxe máquina en contornos de alta dimensión, o grupo Lidia, Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial, dirixido pola catedrática Amparo Alonso Betanzos, coorganizadora destas xornadas xunto co investigador da University College of London, David Martínez.
As xornadas Big Data serán en inglés e contarán con relatores de universidades internacionais como University of Cambridge, London´s Global University, University of Ljubljana ou University of Oxford. Colaboran a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, a Rede Española de Big Data e Análise de Datos Escalables e o CITIC.
Ningún comentario:
Publicar un comentario