xoves, 21 de abril de 2016

O Consello da Cultura critica a falla de apoio da Xunta á divulgación científica

O informe 'A divulgación da ciencia en Galicia' denuncia o "desentendemento da Administración da Xunta na promoción da divulgación da ciencia". Tamén salienta, entre outros, o labor informativo de Galicia Confidencial.

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o informe A divulgación da ciencia en Galicia, no que se repasa e analiza a historia da información e a divulgación científica no noso país dende mediados do século XIX até a actualidade.
O Consello da Cultura Galega presentou o informe 'A divulgación da ciencia en Galicia'.
Dende o labor esencialmente persoal, impulsado por pensadores e divulgadores no XIX como Antonio Vila Nadal, Emilia Pardo Bazán, Octavio Lois, José María Gil Rey ou José Rodríguez Mourelo, até o labor informativo dos medios dixitais no século XXI, pasando pola actividade das tres universidades galegas, o traballo dos museos científicos e as bibliotecas, ou o das organizacións sen ánimo de lucro, o informe recolle a rica e variada actividade informativa e divulgativa que se ten desenvolvido no noso país arredor da ciencia.
O informe conclúe que, en xeral, "Galicia ten unha variedade extraordinaria de actividades relacionadas coa divulgación da ciencia, a pesar da importante diminución de axudas por parte da Administración autonómica".
Porén, os autores do estudo observan tamén importantes déficits, como a desaparición de suplementos especializados na prensa escrita, a inexistencia de revistas de comunicación popular da ciencia, a inexistencia de programas ben asentados –ao longo do tempo– nas canles de TV ou a práctica inexistencia dunha industria dedicada á divulgación científica.
O estudo salienta que "moitas das actividades que se manteñen cunha certa estabilidade –ciclos de charlas, feiras da ciencia, actividades organizas por organizacións sen ánimo de lucro, actividades de divulgación en centros de ensino– deben a súa existencia ao traballo persistente dunha única persoa ou un grupo pequeno de colaboradores, circunstancia que fai máis fráxiles aínda os programas de divulgación".
O Consello denuncia o "desentendemento da Administración da Xunta na promoción da divulgación da ciencia", e subliña o feito de que "gran parte dos proxectos que reciben axudas institucionais o fagan a través dunha única canle, a FECYT [estatal]".
"Esta quizais excesiva dependencia de axudas externas podería solucionarse en parte poñendo claramente en valor o papel da comunicación da ciencia para a sociedade, de tal xeito que a cidadanía estivese disposta a pagar por recibir divulgación científica. Outra eiva importante na maioría dos proxectos estudados está na ausencia de mecanismos de avaliación –mediante enquisas, programas específicos de seguimento, etc.–, que fornecerían a divulgadores, institucións, administración e público dunha idea máis axeitada do impacto e do valor que o coñecemento da ciencia ten na sociedade", explícase no informe.
O documento presentado este mércores incide na falla de apoio institucional á divulgación científica e constata que "a Xunta de Galicia diminuíu notablemente o seu papel dinamizador da divulgación científica e tecnolóxica nos últimos anos, a pesar de ter desempeñado no pasado un importante papel no apoio a estas actividades a través de convocatorias como Diverciencia ou da coordinación de citas como a Semana da Ciencia".
"Debido á forte caída no financiamento por parte das administracións locais, os colectivos que en Galicia organizan actividades de cultura científica recorren na actualidade esencialmente á convocatoria de axudas da FECYT e ao patrocinio da Fundación Barrié. Malia todo, entidades como a delegación do CSIC en Galicia manteñen unha loable actividade de divulgación, con actividades como Exper-i-ciencia –que no curso 2015/2016 chegou á súa undécima edición–, e nas universidades tamén continúan actividades relevantes como o Programa ConCiencia da USC ou o concurso Ciencia que conta! da Universidade de Vigo. Un papel, o das universidades, que debería tender a afianzarse, dotándose de equipos estables para a promoción da divulgación –potenciando por exemplo, entre outras actuacións, as Unidades de Cultura Científica promovidas pola FECYT", agúen os investigadores que fixeron o estudo.
PRENSA DIXITAL
O informe do Consello da Cultura dedica un amplo apartado ó labor da prensa dixital galega, no que salienta o traballo informativo de Galicia Confidencial.

"Historicamente, cómpre falar de Vieiros e no panorama actual, de Galicia Confidencial (galiciaconfidencial.com), que en xaneiro de 2016 mantiña o seu liderado na prensa electrónica en galego, e de Praza Pública (praza.gal), seguinte medio deste tipo en audiencia", saliéntase no documento, no que se incide en que "aínda que existen outros xornais galegos nativo dixitais, só estes dous [Galicia Confidencial e Praza] contan con seccións de ciencia e/ou tecnoloxía" e que, "alén de cuestións de etiquetaxe, son tamén os que procuran incorporar na medida do posible contidos de índole científico-tecnolóxico á súa axenda habitual".
O estudo destaca tamén que estes medios dixitais "comparten ademais o obxectivo de normalizar o uso da lingua galega como vehículo de divulgación científica".

Ningún comentario:

Publicar un comentario