Crea o portal Investigo, para publicar teses doutorais e artigos de investigación da institución.
Ciencia libre, de balde e para todos. Con este obxectivo naceron os respositorios de acceso aberto a finais do século XX e comezos do actual, para que os coñecementos científicos xerados pola investigación e publicados na literatura científica estivesen dispoñibles a través de internet sen barreiras de prezo e sen barreiras de consulta e uso por mor das restricións da regulación da propiedade intelectual. A este movemento únese dende este martes a Universidade de Vigo e faino a través de Investigo, o seu propio repositorio institucional de acceso aberto. Os defensores desta política remarcan que a maior parte de investigación é financiada e desenvolvida por institucións públicas, polo que demandan que o acceso á literatura científica que recolle esa investigación debería estar publicamente dispoñible en aberto. Así o explica Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria, entidade encargada de coordinar a posta en marcha desta nova ferramenta, que sostén que “non resulta xustificable que sexa necesario pagar ata tres veces por investigar: unha por financiar a investigación; outra por pagar aos editores científicos por publicar investigación e outra máis a eses mesmos editores por ler a investigación publicada”. Por iso, este tipo de repositorios baséanse no acceso “aberto, inmediato, libre de restriccións de copyright, permanente e en liña”.Segundo explicou o responsable do proxecto, moitos poderes públicos, institucións financiadoras e, mesmo a UE, están a promover o acceso aberto a través de mandatos e, en España existen dúas disposicións legais deste carácter. Por unha banda a Lei da Ciencia, que determina a obriga de difundir en aberto unha versión dixital dos artigos resultado de investigacións financiadas con fondos dos orzamentos xerais do Estado; por outra, o Real Decreto que regula o doutoramento, que aplica esta obriga ás teses lidas nas universidades públicas. A vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, lembraba neste sentido que Vigo aprobou hai dous anos “unha declaración de intencións a favor do acceso aberto á documentación e resultados de investigación que se xeran na institución e este respositorio é unha ferramenta fundamental para pór en práctica este compromiso”.
O uso destes repositorios permite incrementar nun 25% o volume de citasO repositorio vai conter, como puntualiza o director da Biblioteca, “non só os artigos de revistas do persoal investigador e as teses lidas na Universidade de Vigo, senón tamén todos aqueles traballos que son valorados como méritos de investigación: capítulos de libros, libros e relatorios e comunicacións a congresos científicos”, pero remarca que “sempre respectando os dereitos de propiedade intelectual”. Inicialmente Investigo arranca poñendo a disposición da comunidade universitaria as teses de doutoramento dos anos 2011 a 2014 “e nas vindeiras semanas imos depositar as teses de 2015”, engade Marraud. Xa a partir de maio, a Sección de Posgrao comezará a xestionar as teses de 2016 directamente a través do repositorio. Para o resto de contidos, serán os propios investigadores os que se encarguen de poñer en aberto a súa produción científica, seguindo o principio do autoarquivo.
A aposta da Universidade de Vigo por esta nova ferramenta trata de difundir e dar maior visibilidade a escala mundial á súa produción científica, preservar a memoria científica da institución, axilizar o rexistro e avaliación da produción de investigación, axilizar o proceso de presentación das teses de doutoramento e mellorar internacionalmente a súa imaxe. De feito, como destaca Marraud, “ofrecer en aberto versións dixitais dos traballos de investigación en repositorios permite, segundo diversos estudos, incrementar nun 20-25% o volume de citas recibidas por un traballo de investigación”. Así, grazas á interoperabilidade dos repositorios de acceso aberto, os contidos non só teñen presenza en internet, senón que, sobre todo, resultan máis “atopables”, incrementando as súas probabilidades de ser lidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario