O paro aumentou en 5.200 persoas nun trimestre e reduciuse en 47.800 con relación a un ano antesNun escenario global de perda de habitantes pola combinación de emigración, baixa natalidade e marcha de persoas que inmigraran cara a Galicia antes do inicio da crise, a suma das persoas que traballan e mais das que están en condicións de facelo, a poboación activa, suma 1,25 millóns de persoas. Son unhas 6.200 menos que no trimestre anterior e 14.200 menos que un ano antes. Botando a vista un chisco máis atrás é posible coñecer que no inicio de 2016 a poboación activa galega está composta por 51.400 persoas menos que hai media década: daquela, a comezos de 2010, había 79.000 persoas máis traballando e unhas 27.000 menos no paro.
No que atinxe á calidade do emprego, as cifras melloran un chisco a respecto de hai un ano pero son peores que no remate de 2015. Así, entre o conxunto da poboación ocupada o número de persoas que desenvolven o seu emprego a tempo completo reducíronse en 9.300 nos últimos tres meses, ata ficar en 881.600, mentres que o traballo a tempo parcial caeu en 2.100 persoas, ata chegar ás 139.500. No entanto, na actualidade hai 9.200 persoas menos que hai un ano con xornada parcial e 42.800 máis con xornada completa que doce meses antes.
Os contratos indefinidos aumentaron en 6.800 a respecto de hai un ano e os temporais avanzaron en 16.800Entre a poboación asalariada o panorama é semellante. Os contratos indefinidos reducíronse, segundo a EPA, en 6.900 no primeiro trimestre, ata os 598.300, e son 6.800 máis que hai un ano. Os temporais tamén baixaron nestes primeiros tres meses, de 207.100 a 199.300, pero son 16.800 máis que no inicio de 2015.
A precariedade laboral, como adoito, segue a afectar especialmente á poboación xuvenil. Neste sector de persoal a taxa de paro segue uns trece puntos por riba da media galega, no 31,4%, pero é case seis puntos menor á de hai un ano. Tamén é mellor o indicador de ocupación que hai doce meses: actualmente traballa o 35,5% da poboación xuvenil -de 16 a 29 anos- e a comezos de 2015 facíao o 32,8%. Así e todo, como na poboación xeral, o dato de actividade segue a ser o máis preocupante: hai un ano traballaba ou estaba en condicións de facelo o 52,2% da mocidade e agora, o 51,8%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario