Centos e centos de persoas ao longo do país conmemoran o Día do Libro lendo Manuel María nas actividades impulsadas pola Fundación que leva o seu nome. E non só lendo. Nestes actos tamén se interpreta Manuel María con música e con maxia, así como con representacións teatrais de pezas dramáticas.
Na Galiza conmemoramos este 23 de abril, Día do Libro, empapándonos da obra de Manuel María, con lecturas públicas que tiveron lugar en medio cento de concellos de toda a xeografía do país. “É difícil saber o número de persoas que participaron nas actividades. No acto da Coruña, que durou dúas horas e media, nunca houbo menos de 150 persoas no local”, explica en declaracións a Sermos Galiza o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, que calcula que só na cidade herculina participarían unhas 300 persoas.A lectura non só foi tal. Tamén se cantou Manuel María con música, recuperouse con maxia e até con representacións teatrais das súas pezas dramáticas. A celebración deste Día do Libro con Manuel María xurdiu da man da fundación que leva o seu nome, que abriu unha convocatoria pública para que quen quixer sumarse collese o testemuño para organizar lecturas abertas.
“Que mellor forma que celebrar unha obra literaria ou un escritor que lendo a súa obra?”, salienta Ansede, que agradece a resposta de concellos, asociacións culturais e veciñais, bibliotecas e mesmo de comisións creadas a tal efecto á hora de facer súa a actividade arredor da obra do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras.
“Gústanos moito que se fale de Manuel María, pero gústanos moitísimo máis que se deixe falar o propio Manuel María, coa súa obra"“Gústanos moito que se fale de Manuel María, pero gústanos moitísimo máis que se deixe falar o propio Manuel María, coa súa obra rica e abondosa”, expón o secretario da fundación, que explica que os actos que teñen lugar este sábado “tratan de fuxir das declaracións de amor ao escritor, case sempre esaxeradas e baleiras e buscan compartir colectivamente a riqueza e vixencia dun escritor como Manuel María”. Así, apela a “escapar da celebración puramente cerimonial que oculta a propia obra e deixar que a obra sexa a que fale”.
Alberte Ansede participou da actividade convocada na Coruña, da que tomou parte activa a Agrupación Cultura Alexandre Bóveda, e dá conta da experiencia vivida na lectura pública, “cando moita xente le Manuel María escolle os fragmentos das obras segundo as súas preferencias e, despois de ver a escolla, a sensación é que estamos diante dunha obra tan potente como diversa nas súas temáticas”.
E é que na Coruña se recitaron desde poemas explicitamente políticos a poemas de amor, íntimos, o lirismo máis exquisito, sobre a identificación coa terra, sobre a lingua… “E leu xente de todos os tramos de idade, desde crianzas a quen están no outono da súa vida”.
O Concello da Coruña negou o Teatro Rosalía
O acto que tivo lugar na cidade herculina non estivo exento de polémica. E é que o Concello impediu que a actividade se desenvolvera no Teatro Rosalía, “a pesar de térmolo solicitado dous meses antes e de non existir ningunha ocupación do local”. “Nas xestións feitas diante do concelleiro de Cultura aducíronse problemas no cadro de persoal”, lamenta Alberte Ansede, quen advirte de que non é a primeira vez que o Concello da Coruña lles nega outras peticións.
Manuel María xa é patrimonio do pobo galego, non é propiedade da fundación que leva o seu nome, ao igual que non son os gobernantes os propietarios dos espazos públicos, di Ansede a respeito da polémica creada polo Concello da CoruñaO propio secretario da Fundación Manuel María expuxo no propio acto que “Manuel María xa é patrimonio do pobo galego, non é propiedade da fundación que leva o seu nome, ao igual que non son os gobernantes os propietarios dos espazos públicos”.
Preguntado polo balanzo destes catro meses de ano Manuel María, Alberte Ansede sinala que “é verdadeiramente espectacular o traballo que se está facendo nos centros de ensino. E tamén a cantidade de visitas dos colexios e dos adultos á Casa-Museo”. Salienta a “receptividade moi importante da súa obra”, así como a súa posta, de novo, en circulación. Ese, di, é un dos aspectos máis positivos, pois por fin volve estar dispoñíbel e accesíbel ao público a súa obra”.
Aínda que a meirande parte das actividades tiveron lugar na mañá, na tarde deste sábado realizaranse máis actos de lectura pública da obra de Manuel María. Os lugares e as horas poden consultarse nesta ligazón.
[As imaxes empregadas nesta información foron cedidas pola Asociación Cultural Medulio de Ferrol]
Ningún comentario:
Publicar un comentario