A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria vén
de abrir o prazo para a participación dos centros escolares no proxecto de libro
dixital E-DIXGAL. Esta iniciativa ten como finalidade favorecer a
incorporación xeneralizada das TIC no desenvolvemento da actividade educativa.
O obxectivo é que no vindeiro curso 2016/2017 os materiais dixitais, que son
totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 9.000 alumnas e
alumnos de 5ºe 6º de Primaria e 1º e 2ºde ESO.
Segundo a
resolución que se publica hoxe no DOG poderán optar a esta nova
convocatoria os centros de ensino adscritos á rede Abalar que impartan o
vindeiro curso 5º de Primaria ou 1º de ESO, aínda que a idea é que se poidan
ampliar a outros cursos nos anos seguintes. Para solicitaren a súa
participación na iniciativa terán que presentar un proxecto explicando o modelo
organizativo e metodolóxico previsto para a implantación do proxecto e as
experiencias TIC desenvolvidas no centro durante os últimos cursos. Ademais, os
centros terán que propoñer a unha persoa coordinadora do E-DIXGAL,
preferentemente con experiencia no desenvolvemento de metodoloxías didácticas
innovadoras, nas TIC e na organización de grupos de traballo.
O prazo para cursar a solicitude estará aberto ata o 21 de maio e deberá
facerse preferiblemente a través da sede
electrónica da Xunta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario