A Xunta xa destinou máis de cinco millóns de euros para propaganda en medios tradicionais no que vai de ano. Medio Rural leva gastados, desde 2013, en campañas publicitarias sobre os lumes, máis de dous millóns de euros.
A Xunta de Galicia volve financiar aos medios de comunicación a través de custosas campañas de publicidade institucional. Desta volta será a través da Consellería de Medio Rural que destinará case 1.260.000 euros a dúas campañas que teñen coma fin alertar sobre os lumes e impulsar o comercio dos produtos galegos.Así, destinará 840.000 euros ao desenvolvemento da campaña publicitaria “Produtos de Galicia, a calidade como valor de referencia para a promoción, sensibilización, comercialización e venda de produtos de alimentación” co obxectivo de “sensibilizar e seguir dando a coñecer os produtos de calidade agroalimentaria da nosa terra”.
Precisamente, este departamento realizou xa nos anos 2014 e 2015 unha campaña similiar para “mellorar” a presenza dos produtos galegos no mercado, “tano no ámbito galego como no nacional”.
Desta volta, e como nas anteriores, Medio Rural manterá o lema de “Galicia Sabe” e centrarase nos produtos agroalimentarios de orixe certificada e produtos manufacturados. “Unha mensaxe que nos remite á existencia, na nosa comunidade, de produtos naturais e cun sabor superior; produtos auténticos, ben feitos, singulares, elegantes... Valores, todos eles, que converten a Galicia na contorna idónea para a creación, desenvolvemento e produción de produtos alimentarios”, apunta no prego de condicións.
Por outra banda, esta mesma consellería destinará 418.000 euros a outra campaña publicitaria de “concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais”. O obxecto do contrato é sensibilizar aos galegos no relativo ao combate dos lumes e á persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan os incendios.
Máis de cinco millóns en tres meses
Con esta nova subvención, Medio Rural xa destinou máis de 2,1 millóns aos medios desde 2012 en campañas de “sensibilización de lumes”. Estes 418.000 euros de 2016, súmanse aos 1,01 millóns que xa pagou en 2013, aos 287.000 euros de 2014 e aos máis de 450.000 euros de 2015.
No que vai de ano, e a pesar dos recortes na sanidade, na educación ou nos servizos sociais, a Xunta xa comprometeu máis de cinco millóns de euros en convenios de publicidade e propaganda, tanto os que xa tiña outorgados, como os que dará ao longo do ano.
Estes cartos --aínda non se contabilizan todos os acordos e convenios de distintas consellerías-- tamén se suman aos case seis millóns que Galicia Confidencial puido constar que se repartiron ao final do pasado ano. Un diñeiro público que, por outra banda, non está sometido a ningún tipo de control pola falta dunha Lei de Publicidade Institucional, norma que o Goberno de Feijóo anunciou que aprobaría xa na súa primeira lexislatura e que aínda segue gardada no caixón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario