martes, 19 de abril de 2016

A situación na que se atopa o galego chega ao parlamento de Portugal

A comisión de cultura da Assembleia da República dará audiencia a varias cuestións sobre o noso idioma, entre elas as denuncias feitas pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Susana Méndez, secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, participa esta terza feira, 19 de abril, na audiencia da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento portugués sobre a situación do galego convidada polo colectivo Galiza Solidária.
Nesta audiencia A Mesa presentará o informe sobre a situación do galego que xa foi presentado na Comisión de dereitos humanos da ONU e entregado ao Comité de expertos sobre a Carta Europea das Linguas en 2015. O informe analisa os incumprimentos por parte do Estado español e da Xunta de Galiza da lexislación internacional e propia sobre a lingua galega en ámbitos como a xustiza, a educación, a administración pública, a saúde, ou os medios de comunicación.
Relatorio
Susana Méndez entregará ás deputadas e deputados membros da comisión e pertencentes a todos os partidos con representación na cámara portuguesa un relatorio coas principais denuncias dos últimos anos e o informe da Liña do Galego, que a Mesa elaborou partindo das denuncias que recibiu no 2015 neste servizo gratuito de queixas e parabéns. Tamén exporá as seis medidas urxentes que A Mesa propuxo o ano pasado entre as que se contempla a reciprocidade na recepción das emisións da RTVG e a RTP.
UNESCO deixou de considerar o galego como lingua en perigo no seu Atlas no ano 2010, por formar parte do sistema lingüístico galego-portugués, aínda recoñecendo a graves situación da lingua galega e os seus falantes no seu territorio orixinario. Esta cuestión será colocada pola Mesa no Parlamento portugués para que inste ao Estado español e á Xunta de Galiza a cumprir a lexislación internacional en materia lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario