Estes programas científicos reforzan a labor investigadora do CSIC en sectores estratéxicos para Galicia.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia comeza a traballar nos doce proxectos para os que captaron financiamento na convocatoria pública competitiva 2015 do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación orientado aos retos da sociedade. Nestas semanas, están a celebrarse xa as primeiras reunións de traballo co resto de entidades participantes en cada proxecto, a fin de concretar as fases e as tarefas de cada investigación.Os proxectos da Misión Biolóxica de Galicia
O Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas inicia o proxecto Metabolitos secundarios en Brassicaceae: implicacións na mellora xenética e resistencia vexetal de brásicas hortícolas, con Elena Cartea González e Pilar Soengas Fernández como investigadoras principais. Está financiado con 165.000 euros.
O obxectivo é estudar os principais metabolitos secundarios presentes nos cultivos da familia Brassicaceae (grelos, coliflor, repolo) relacionados coa defensa da planta a estrés bióticos e con propiedades beneficiosas para a saúde, así como a mellora xenética de brásicas hortícolas co fin de obter variedades con valor engadido debido á súa adaptación, resistencia a estres bióticos e calidade nutricional.
O Grupo Xenética e Mellora de Millo inicia o proxecto Mellora xenética da resistencia e mecanismos de defensa do millo fronte a factores bióticos, con Rosa Ana Malvar Pintos e Ana Butrón Gómez como investigadoras principais. Está financiado con 130.000 euros. Neste caso trátase dun proxecto coordinado co grupo de Agrobiología Ambiental, Calidade de Chans e Plantas da Universidade de Vigo, encargándose da coordinación as investigadoras da MBG.
O obxectivo do proxecto é incrementar o coñecemento sobre os mecanismos de resistencia do millo fronte a estres bióticos, en particular á praga dos trades e a infeccións do fungo Fusarium para evitar a enfermidade e a contaminación con fumonisinas producidas polo fungo.
O Grupo Xenética e Ecoloxía Forestal obtivo financiamento para dous proxectos. Por unha banda, Dinámica reprodutiva e estratexias defensivas en piñeiros mediterráneos: relevancia para a xestión futura dos seus recursos xenéticos, cuxo investigador principal é Rafael Zas Arregui e conta cun financiamento de 130.000 euros.
O obxectivo é incrementar a comprensión sobre a capacidade adaptativa dos piñeirais de España ao cambio global e determinar estratexias de xestión dos recursos xenéticos forestais que garantan a persistencia das masas e o mantemento da biodiversidade intraespecífica.
Por outra banda, Factores que determinan a existencia de síndromes defensivas en especies do xénero Quercus na Península Ibérica: implicacións para a conservación de especies ameazadas, cuxo investigador principal é Xoaquín Moreira Tomei e cuxa financiamento é de 35.000 euros.
O obxectivo é estudar factores bióticos e abióticos que potencialmente poderían determinar as síndromes defensivas nas especies do xénero Quercus na Península Ibérica. De maneira máis específica, o reto deste proxecto é proporcionar un maior coñecemento sobre as estratexias defensivas destas especies forestais, o cal será fundamental para a toma de decisións en futuros plans de conservación e mellora xenética destas especies, xerando á súa vez importantes beneficios a nivel social e económico.
Todos estes proxectos teñen unha duración de tres anos.
Os proxectos do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo)
O Grupo Inmunología e Xenómica inicia o proxecto Variabilidade e función de xenes inmunes do mexillón Mytilus Galloprovincialis, cuxo investigador principal é Antonio Figueras Huerta e cuxa financiamento é de 170.000 euros.
O obxectivo principal do proxecto é mellorar o coñecemento sobre a resposta inmune do mexillón cultivado en Galicia, especialmente sobre a variabilidade xenética, transcriptómica e funcional de xenes con función inmune como os Peptidos Antimicrobianos (AMPs).
O Grupo Enxeñería de Procesos inicia o proxecto Un enfoque baseado en modelos multiescala para entender os mecanismos de adaptación das especies non convencionais do xénero Saccharomyces en fermentacións vínicas, con Eva Balsa Canto como investigadora principal. O financiamento é de 125.000 euros.
O obxectivo é a xeración do coñecemento e as ferramentas necesarias para o deseño de novos procesos fermentativos baseados no uso de especies como S. uvarum e S. kudriavzevii. Para iso expón dous obxectivos fundamentais: o estudo metabólico, utilizando unha aproximación de bioloxía de sistemas multi-escala, destas especies e S. cerevisiae, e a mellora, a través de evolución adaptativa e enxeñería metabólica, da tolerancia a etanol de ambas as especies mentres se manteñen os seus atributos.
O Grupo Bioloxía e Fisioloxía Larvaria de Peixes comeza a investigación Implicación da alimentación dos proxenitores e da dispoñibilidade de cobertura vexetal na viabilidade de Hippocampus Guttulatus: simulación en catividade. O investigador principal é Miquel Planas Oliver e o financiamento 52.000 euros.
O obxectivo é demostrar mediante simulación en catividade que a alimentación dos proxenitores e a dispoñibilidade de elementos de suxeición dos xuvenís do cabalo de mar Hippocampus Guttulatus (especie protexida) poden ser dous factores importantes na viabilidade da descendencia, podendo afectar á conservación da especie no medio natural.
O Grupo Ecoloxía Pesqueira estudará a pescada europea baixo a dirección de Francisco SaboridoO Grupo Ecoloxía Pesqueira inicia o proxecto Dinámica do recrutamento da pescada europea, con Juan Francisco Saborido Rey como investigador principal e un financiamento de 200.000 euros.
O obxectivo xeral é analizar as causas que determinan o recrutamento na pescada europea con especial atención ás causas demográficas e ambientais; e en particular estudar a posibilidade de que a presión pesqueira e o cambio climático estean a determinar os pulsos de recrutamento, investindo as tendencias históricas e favorecendo a poboación do norte.
O Grupo Laboratorio de Geoquímica Orgánica inicia o proxecto Fluxos de carbono nun sistema de afloramiento costeiro (Cabo Branco, NO de África): caracterización elemental, óptica, isotópica e molecular, con X. Antón A. Salgado como investigador principal e un financiamento de 145.200 euros.
O obxectivo é cuantificar a contribución do carbono orgánico disolto (COD) e en suspensión (COP), é dicir aquel que non sedimenta rapidamente, á bomba biolóxica na rexión de Cabo Branco (NO de África), onde a interacción do sistema de afloramento coa Fronte de Cabo Verde dá lugar ao Filamento Xigante de Cabo Branco.
O Grupo Ecobiomar inicia Demografía e relacións tróficas de larvas de lura nunha área oceanográfica de afloramiento: cara a unha aproximación ecosistémica da xestión deste recurso. O investigador principal é Anxo F. González González e o financiamento é de 165.000 euros.
O proxecto representa unha continuación da liña de investigación que Ecobiomar está a desenvolver durante o últimos quince anos en augas do Atlántico Nordés. O principal obxectivo é o estudo da demografía e relacións tróficas de larvas de lura nunha área de afloramento costeiro para avanzar cara a unha aproximación ecosistémica para a xestión deste recurso de importancia socioeconómica.
Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela)
O Grupo Enzimología do Chan inicia o proxecto Propiedades bioquímicas do chan como indicadoras do risco ambiental de líquidos ionicos (LIS) propostos como absorbentes en bombas de calor, financiado con 70.000 euros e cuxa investigadora principal é Carmen Trasar Cepeda. Ten unha duración de tres anos.
O obxectivo é investigar a toxicidade para o chan de líquidos iónicos cuxas propiedades temofísicas fanos adecuados para o seu uso en bombas de calor por absorción. A toxicidade determínase mediante experiencias de laboratorio nas que se investiga a modificación das propiedades bioquímicas e biolóxicas do chan. O fin último é seleccionar, de entre os múltiples líquidos que poderían cumprir as condicións que lles permitan ser utilizados nas devanditas bombas, aqueles cuxa toxicidade para o medio ambiente é menor, evitando a fabricación e uso daqueles que poidan resultar máis tóxicos.
O Grupo Microbiología inicia o proxecto Potencial da fito-minería para a recuperación sustentable de Nin e outros elementos estratéxicos a partir de antigos vertedoiros de mina, financiado con 175.000 euros, con Petra Susan Kidd e Ángeles Prieto Fernández como investigadoras principais e unha duración de catro anos.
O proxecto está orientado á aplicación de técnicas de fitominería para o aproveitamento de elementos como o níquel, que teñen alto valor comercial, a partir de materiais como os vertedoiros de minas e canteiras, nos que a concentración dos elementos valiosos é baixa e non resulta rendible a súa explotación con técnicas mineiras convencionais. Traballarase con plantas hiperacumuladoras (como Alyssum serpyllifolium subespecie lusitanicum, endémica en chans ricos en Ni de Galicia e N de Portugal) que son capaces de concentrar Ni nos seus talos e follas en grandes cantidades. Ademais proponse realizar prospeccións para identificar outras especies vexetais que poidan ser interesantes para a extracción doutros elementos de elevado valor comercial e clasificados como materias críticas pola UE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario