mércores, 14 de xaneiro de 2015

Os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2015 persisten no desmantelamento do ensino público e na desigualdade de oportunidades

Denuncia en rolda de prensa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denunciou este martes 13 de xaneiro en rolda de prensa que os orzamentos da Consellaría de Educación para o 2015 no canto de mitigar as desigualdades sociais, acrecéntaas, porque non recollen os investimentos necesarios para garantir a igualdade de oportunidades e o dereito á educación.

En representación da PGDEP, Anxo Louzao, lembrou que a educación pública é a única que pode garantir un ensino galego, igualitario, laico, democrático e coeducativo pero que os orzamento do 2015 en lugar de ir na dirección de fortalecelo e amplialo continúan na senda trazada de máis recortes. “Sen o investimento necesario, non é posíbel o dereito á educación de todas e todos nin á igualdade de oportunidades”, dixo.

Na rolda de prensa participaron tamén, en representación da PGDEP, Cosme Pombo, Fernando Lacaci, Sonia García e Alberto Oubiña. Lacaci, en representación das familias lamentou que a Administración educativa rexeite calquera tipo de variación nun camiño que ten paralizado, e nalgúns casos “en estado de coma”, o ensino e puxo o acento nas necesidades de profesorado e de recursos humanos. Sonia García, en representación dos estudantes, insistiu, ao igual que o resto de representantes, na falta de medidas de fomento do galego  malia a perda de galegofalantes e a situación dramática na que se atopa.
Datos máis salientábeis dos orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2015:
Fíxanse en 2.090 millóns de euros. Só un 0,19% máis en relación aos do ano 2014, cando desde o ano 2009 decreceron un 33,5%. É dicir, vanse dedicar 680 millóns de euros menos ao ensino dos que se destinaron no ano 2009.

Os orzamentos de Educación representan o 21,9% dos totais da Xunta de Galiza, fronte ao 27% que representaba no ano 2.008.

Subvencións ao ensino privado. Continúa o fortalecemento do ensino privado concertado. Dedícanse 236,6 millóns a concertos, incrementándose a partida para secundaria nun 0,93 % en un 0,9% en FP.  A Consellaría dedica á privatización 244.512 mllóns euros. En total, un 11,7% dos orzamentos destinados ao ensino privado concertado.

Investimentos reais (construción de novos centros, reparacións, ampliacións e melloras). En educación infantil e primaria (7,7 millóns) decrecen un 23,9%, cando xa se reduciran nun 15,6 %  o ano pasado. As ensinanzas artísticas fano nun 33% cando xa no ano 2014 decreceron nun 57% e no bacharelato e FP fíxanse 7,7 millóns.

Fracaso escolar. A partida destinada á prevención do fracaso escolar (17,2 millóns) tamén se reduce nun 0,65%, en relación á do ano 2014.

Libros de texto. Destínanse 11,2 millóns, o que supón que máis do 40% do alumnado galego terá que pagar os libros de texto.  

Universidade. A Universidade recibirá  322,7 millóns, o 1,5 % menos que o ano pasado.

Transporte e comedores escolares. A partida destinada ao transporte escolar (118,8 millóns) decrece o 1,34% e a destinada a comedores escolares é a mesma que a do ano pasado (28.7 millóns).

Funcionamento dos centros. A partida destinada ao funcionamento dos centros (36 millóns) redúcese nun 0,5% para os centros de secundaria e FP e mantense para educación infantil e primaria en 12 millóns, malia a redución do 2,4% do ano 2014.

Gasto de persoal (profesorado).  Só se incrementa o 0.4%, cando nos últimos anos minguou o 8%. Os recortes supuxeron a perda de máis de 3000 profesoras e profesores nos últimos catro anos.

Taxa de reposición. Na oferta de emprego público só se cubrirán, como máximo, o 50% das vacantes que se produzan, o que suporá máis recortes de profesorado.

Profesorado. Continúan reducindo o salario do profesorado que nos últimos cinco anos leva perdido o 30% do poder adquisitivo. Só se destinan 1,3 millóns de euros á formación do profesorado para un colectivo de 30.300 docentes, é dicir, 4,2 euros por docente.

Actividades extraescolares. Non se consigna ningunha partida para facilitar o acceso gratuíto ás actividades extraescolares.
Fomento da lingua galega. A partida para o fomento da lingua decrece nun 4,8% respecto do ano 2014, continuando coa tendencia descendente que supuxo pasar dos 21,7 millóns do ano 2009 aos 6,7 previstos para o ano 2015.


Para a Consellaría de Educación, a potenciación da nosa lingua só se merece o 0,0007% dos orzamentos da Xunta de Galiza, continuando así coa política de persecución e combate contra o noso idioma e o ensino en galego.


En definitiva, para a PGDEP estamos ante uns orzamentos que apostan pola privatización e fortalecemento do ensino privado concertado, continúan cos recortes, destrúen emprego e non atenden as necesidades educativas específicas de apoio educativo, impiden a gratuidade do ensino, o dereito ao material e libros de texto para todo o alumnado e os recursos complementarios gratuítos, non dedican fondos necesarios para loitar e reducir o fracaso escolar, non restitúen os dereitos salariais e laborais do profesorado e supoñen máis clasismo, confesionalidade e menos participación e xestión democrática. Uns orzamentos de total desleixo coa nosa lingua, que perseguen afastar o ensino da nosa realidade e continuar coa desgaleguización.  Uns orzamentos que se sitúan moi lonxe de dedicar á Educación o 7% do PIB para satisfacer todas as necesidades e carencias do sistema educativo galego.   

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas (FANPO).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario