Xiaomi
celebrou nas últimas horas un grande evento para dar a coñecer as súas
novidades, demostrando unha vez máis que son quen de deseñar dispositivos moi
elegantes e potentes, que conseguen facerse co favor do público chinés e
doutros países aos que van achegando os seus produtos pouco a pouco (aínda que
parece aínda lonxe o día no que comercializarán os seus trebellos en Europa).
O terminal máis destacable da compañía chinesa é agora o Mi Note, que podería considerarse como un
competidor directo do iPhone 6 Plus polo seu tamaño, pero sen buscar a copia
como no pasado, e chegando a superar ao produto de Apple en moitas prestacións
e incluso en detalles de deseño xa que, por exemplo, o Mi Note non só é máis
delgado e máis lixeiro que o iPhone 6 Plus, senón que a súa cámara carece da
antiestética protuberancia que ten o produto da compañía da mazá, ou sexa, que
o seu sensor, pese a gozar tamén de estabilización óptica de imaxe, conseguiu
manter un tamaño reducido (non tendo que sobresaír do grosor do terminal).
O
Mi Note chega cunha pantalla Full HD de 5,7 polgadas fabricada por
Sharp/JDI
e recuberta por un cristal curvo 3D con protección Gorilla Glass 3, ten
un
marco metálico, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 801 a 2,5
GHZ,
gráfica Adreno 330, 3 GB de RAM, 16/64 GB de almacenamento interno,
cámara
traseira Sony de 13 Mpíxeles con estabilización óptica e flash Philips
de 2
tons, cámara frontal de 4 Mpíxeles, audio de alta fidelidade, batería de
3.000
mAh con carga rápida, dobre SIM con soporte de LTE (unha das tarxetas en
formato micro SIM e a outra en formato nano SIM), un peso de 161 gramos e
un grosor de 6,95 milímetros. O seu prezo será de 2.299
iuans (318 euros) para o modelo con 16 GB de almacenamento interno e de
2.799
iuans (387 euros) con 64 GB de almacenamento interno.
Pero Xiaomi non deixará este smartphone aí, senón que tamén ofrecerá unha
versión máis potente, o Mi Note PRO, que conta xa con LTE de categoría 9
(permitindo descargas até a 450 Mbps), a súa pantalla de 5,7 polgadas leva a
súa resolución até os 2.560 x 1.440 píxeles (dando a impresión de que tamén
quere medirse con Samsung Galaxy Note 4), procesador Qualcomm Snapdragon 810 de
64 bits e 8 núcleos, gráfica Adreno 430, 4GB de RAM e 64 GB de almacenamento
interno, por un prezo de 3.299 iuans (456 euros). Temos aquí un dispositivo que
demostra que Xiaomi tamén podo perseguir a excelencia e medirse cos xigantes do
sector chegando incluso a superar a elegancia do seu deseño e adiantándoos en
prestacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario