martes, 13 de xaneiro de 2015

A CIG-Ensino denuncia que Educación persiste en manter os recortes para a promoción do galego

A Consellaría mantén a súa política de recortes mentres a nosa lingua perde falantes.


A Consellaría publicou o pasado venres a Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade pública para o curso escolar 2014/15. Nesta convocatoria podemos comprobar que a Consellaría recunca no recorte das axudas para a promoción da lingua galega, xustamente no mesmo curso escolar en que os datos oficiais do Instituto de Estatística sinalan a perda de falantes da nosa lingua, poñendo o acento nas xeracións máis novas sobre as que se conclúe que nas súas 3/4 partes nunca falan en galego. Fronte a esta evidencia, a Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística culpan as familias e os galegofalantes e eluden a súa propia responsabilidade.
Atacan a quen defende e mantén viva a lingua para ocultar que os recortes nas partidas destinadas ao fomento da lingua e a imposición dun Decreto destinado a expulsar a nosa lingua do ensino son os verdadeiros responsábeis da situación.

A CIG-Ensino vén reclamando reiteradamente que a convocatoria de axudas se realice co inicio do curso, mais a Consellaría persiste en que isto non sexa así, facendo inviábel que se poidan realizar actividades normalizadoras durante o primeiro trimestre. Por outro lado, os centros non saberán até case o final do curso se contan ou non con axudas. Así sucedeu o pasado curso, en que a resolución se publicou dezasete días antes do seu remate. E pretenden que pensemos que así se fomenta o uso da nosa lingua? Que actividades se poden programar cando non se coñece a convocatoria das axudas até o segundo trimestre do curso e non se sabe se se terá ou non axuda económica, nin a súa contía até que o curso remata? Como se pode interpretar isto se non é como desleixo e desprotección da nosa lingua por parte de quen ten a responsabilidade maior de promovela?

Desde a chegada do PP á Xunta de Galiza, a partida destinada ás axudas aos equipos de normalización descendeu en picado. Na orde publicada este venres, a Consellaría mantén a redución de medio millón de euros que vén aplicando a esta partida desde o curso 2011-12, fronte aos 800.000 € que se lle asignaron aos centros nos cursos 2009-2010 e 2010-2011. A Consellaría volve reducir a partida orzamentaria para este curso a 300.000 €, unha redución do 62,5% (unha redución que para os centros privados foi inferior, do 55,4%).
Proxectos de innovación en normalización lingüística
O venres tamén se fixo pública a convocatoria dos proxectos de innovación en dinamización lingüística, unha vez máis sen convocala no DOG como ten reclamado a CIG-Ensino. Unha convocatoria para a que remata o prazo de presentación nun mes, a contar desde o 9 de febreiro en que se publicou na web da Consellaría.

Tamén neste apartado, a CIG-Ensino ten que denunciar a falta de apoio da Consellaría á nosa lingua, pois mantén a redución do numero de proxectos premiados, unha vez máis cinco, en lugar dos dez convocados en 2008, ou os sete de 2009, e a redución do orzamento destinado, que neste curso tampouco superará os 10.000 €, cantidade que, desde a chegada do PP á Xunta de Galiza se reduciu case un 65%.


Fronte á irresponsabilidade e aos recortes  da Consellaría de Educación, a CIG-Ensino reclama:

  • Que se incrementen as axudas para facer real  e posíbel a promoción da lingua galega.
  • Que estas convocatorias se publiquen no mesmo mes en que se inicia o curso escolar e que no caso dos proxecto de innovación tamén se publiquen no DOG.
  • Que a resolución das axudas aos equipos se realice no primeiro trimestre do curso.
  • Que as notificacións relativas ás convocatorias, puntuacións e resolucións se notifiquen de maneira efectiva aos equipos directivos dos centros e aos equipos de normalización, tendo constancia de que foron recibidas evitando o sucedido en convocatorias anteriores.
  •  Que na comisión cualificadora dos proxectos de innovación participe o profesorado integrante dos equipos e que na comisión cualificadora das axudas se incremente a súa presenza, nomeándoo por sorteo. É inadmisíbel que a decisión sobre as axudas e os proxectos recaia sobre persoal da propia Consellaría e o profesorado apenas teña opinión nestas decisións.

A CIG-Ensino esixe do Conselleiro de Educación que atenda as demandas anteriores e que teña unha actitude responsábel e realmente comprometida coa nosa lingua. Que abandone as ladaíñas coas que adoito responde cando lle sinalamos a súa obsesión contra a nosa lingua, obsesión que se traduce e obxectiviza nestes recortes continuados contra os equipos de normalización, unha vez máis contra o profesorado máis sensíbel e implicado coa necesidade de promover o noso idioma entre as máis novas e os máis novos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario