A plataforma Queremos Galego,
que a Mesa pola Normalización Lingüística impulsa, e hoxe integrada por
máis de 600 entidades, convocou para o 8 de febreiro unha grande
manifestación para exixir unha acción real do goberno galego a favor da
nosa lingua propia, para que sexa reposta en todos os ámbitos dos que
está a ser excluída e se promova a súa oficialidade real, comezando por
derrogar todas as disposicións legais que limitan o seu uso normal, como
o decretazo contra o galego no ensino.
Restan moi poucos días para esta xornada, mais
aínda é moito o que podemos facer a nivel individual para que a
contestación do 8 de febreiro demostre máis unha vez que somos moitas as
persoas que queremos vida para o galego.
Este documento, pensado para todas as socias e
socios que forman A Mesa pola Normalización Lingüística, é de uso e
difusión libre para todas as persoas que o quixeren pór en práctica ou
contribuír con novas ideas ao respecto.
Axúdanos a difundilo polas redes sociais, rúas, locais, centros de traballo...
1) Fala coa xente do teu entorno para informalos e animalos a participar.
Ten presente que hai moitas persoas sensíbeis á cuestión ante a
política agresiva de Núñez Feixó. Falar, informar e contrastar ideas ao
respecto coa nosa xente próxima é, con certeza, o máis importante
contributo que podemos facer para evitar que esta agresión continúe, e
para que comecen verdadeiras políticas para a plena normalidade da nosa
lingua.
2) Envía un Whats app ou sms ao menos a dez dos teus contactos
cos que non deas falado en persoa para animalos a que participen e
divulguen a manifestación. Pode ser algo así como: “8 de febreiro:
manifestación en Santiago. Queremos Galego! Participa e pásao!”
3) Envía un correo-e aos teus contactos coa información da manifestación.
4) Infórmate dos actos previos á manifestación do 8 de febreiro na túa zona, divúlgaos e tenta participar neles.
Así mesmo, infórmate (p. ex., nos webs de Queremos Galego
–www.queremosgalego.org- ou da Mesa –www.amesa.gal-) de cales son os
posíbeis medios de transporte que puider haber desde a túa comarca para
chegar á manifestación que sairá o día 8 de febreiro ás 12.00 h da
Alameda de Santiago.
5) Se tes un espazo web, coloca nel os bánners promocionais da manifestación. Atoparalos en www.queremosgalego.org ou www.amesa.gal así como nas respectivas páxinas de facebook e twitter.
6) Se tes un perfil en facebook, tuenti, instagram ou twitter apoia os eventos creados sobre a manifestación, convida aos teus contactos e anuncia o teu apoio desde o teu estado.
7) Se participas nalgunha asociación ou colectivo de calquera tipo, anímao a se adherir
á plataforma Queremos Galego, a participar no plenario convocado na túa
zona, a colaborar na manifestación e a emitir un comunicado aos medios
de comunicación adheríndose manifestación do día 8 de febreiro.
8) Contribúe a espallar a convocatoria imprimindo os cartaces que estarán en www.queremosgalego.org ou en www.amesa.gal, e colándoos onde che for posíbel, na túa rúa, centro de traballo, centro de ensino, no teu comercio...
Ningún comentario:
Publicar un comentario