Até 26 sentenzas declaran a nulidade ou improcedencia do despedimento d@s docentes após exixiren condicións laborais dignas.
Esta segunda feira (26 de xaneiro) a CIG-Ensino repasou en comparecencia de imprensa a situación que atinxe o profesorado dos cursos CELGA. Neste senso, o seu secretario nacional, Anxo Louzao e Ana Rodiño deron conta das máis de dúas ducias de sentenzas favorábeis ao colectivo que recoñecen a nulidade ou improcedencia dos despedimentos, dun total de 52 demandas interpostas que aínda continúan a ser estudadas.O conflito entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o colectivo docente remóntase a 2013 cando o profesorado denunciou as condicións laborais nas que se atopaban, "sen contrato nen Seguridade Social", como explicaron en conversa con Sermos Galiza.
Sen contrato nen dereitos
"Nin lles facía contrato, nin os daba de alta na Seguridade Social. Non tiñan dereito á baixa por enfermidade ou accidente laboral, non tiñan dereito a vacacións, nin á prestación por desemprego e tampouco tiñan este tempo cotizado para a xubilación. É dicir, non tiñan ningún dereito laboral recoñecido no Estatuto dos Traballadores", lembrou Anxo Louzao.
Após reclamaren perante Inspección de Traballo unhas "condicións de traballo dignas", foron despedid@s pola Secretaría Xeral de Política Lingüística como "represalia" perante as súas reivindicacións, segundo recollen as sentenzas ditadas ao longo dos últimos meses.
"A Inspección da Coruña estimou e corroborou todos os termos da denuncia. Deunos de alta de oficio na Seguridade Social, polo tempo traballado con 4 anos de retroactividade, do ano 2009 ao 2013, recomendoulles presentar denuncia nas outras inspeccións de traballo e impúxolle á Xunta recargas e multa pola infracción", acrecentou o secretario nacional da CIG-Ensino.
Actitude "indecente" e "irregular" da Xunta
A actitude que mantén a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellaría de Educación supón un "paradigma" ao non asumiren "a súa responsabilidade", denunciou Louzao. En troca, apuntou, "continúan cunha actuación impropia, prepotente e contraria aos dereitos laborais máis elementais".
Neste senso, desde a central sindical nacionalista exixen a demisión de Valentín García e máis de Jesús Vázquez. "Só cabe a dimisión inmediata do secretario xeral e do conselleiro pola súa actuación indecente, prepotente e irregular", sentenciou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario