O vindeiro 26 de xaneiro Federico Mayor Zaragoza inaugurará no Forum Metropolitano da Coruña a exposición ARTEPAZ 2015, que nos meses seguintes percorrerá as principais cidades galegasO SGEP continúa adiante coa súa actividade, mais ao longo deste 2015 fará un alto no camiño para celebrar os seus trinta anos de traballo. O vindeiro 26 de xaneiro Federico Mayor Zaragoza inaugurará no Forum Metropolitano da Coruña a exposición ARTEPAZ 2015, que nos meses seguintes percorrerá as principais cidades galegas. Na mostra colaboran artistas como Xosé Freixanes, Loreto Blanco, Carmen Hermo, María Novo, Manuel Rodriguez Acosta, Merche Gomez Pablos, Juan Fernando de la Iglesia, Ginés Liébana, Pedro Roldán, Sebas Rozas, Suso Basterrechea, Margarita Ledo, Delmi Alvarez, Lola García Saavedra, Estefanía Domínguez Cagiao, Olaia Sendón, Cachi Soler, Miguel Docampo, Anselmo Lamela ou Manuel Uhía. A exposición compleméntase con numerosa obra gráfica do propio Seminario, publicacións, carteis, ilustracións das celebracións do Día Internacional dos Dereitos Humanos ou do Día Escolar pola Paz, audiovisuais, así como os principais recursos didácticos realizados.
Falamos con Manuel Dios, presidente do SGEP, para valorar os traballo realizado pola entidade nestes anos e o progreso das ideas e contidos relacionados coa educación para a paz que o Seminario promove.
"A cultura da paz segue sendo unha necesidade urxentísima, porque vivimos nunha época na que segue predominando a forza e o músculo"Semella que, trinta anos despois, os obxectivos para os que naceu o SGEP semellan igual de necesarios, visto o sucedido onte en París, a violencia dos ultras ou os conflitos armados que continúan activos en todo o planeta...
Nós tratamos de fuxir da idea de que vivimos no peor dos mundos posibles, na época máis violenta. A pesar dos moitos conflitos armados que hai no mundo, a pesar do de onte en París, ou a pesar dos bombardeos sobre a poboación civil en Iraq ou en Siria, a pesar de todo isto cremos que o mundo no que nos tocou vivir é moitísimo menos violento que outras épocas da historia.
Cando constituímos o Seminario, en decembro de 1985, fixémolo porque naquel momento non tiñamos materiais didácticos para traballar nas aulas certos temas que a nós nos parecían de interese e que tampouco figuraban nos currículos escolares: a violencia, a pobreza, a discriminación, a exclusión, os dereitos humanos... Chegamos á conclusión de que non só necesitabamos recursos para nós, senón que era interesante ter estes materiais para repartir entre todo o profesorado. O propio concepto de educación para a paz aínda estaba en formación, e non foi ata a lei de 1990 que se incorporou como elemento transversal no ensino.
A cultura da paz, esa idea de substituír a man alzada pola man tendida, de primar o diálogo, a resolución pacífica dos conflitos, o uso das vías diplomáticas..., todos estes temas seguen sendo unha necesidade urxentísima, porque seguimos vivindo nunha época na que segue predominando a forza e o músculo, non só a nivel militar, senón tamén nos niveis político ou económico.
"Hai un retroceso na convivencia escolar, a pesar do fume que todos os anos nos venden dende o Goberno. Impúxose a eterna visión da dereita de vincular estes problemas cunha cuestión de seguridade, de vixilancia policial"En calquera caso, nestes trinta anos si houbo un avance, cando menos na incorporación de todos eses contidos ao ensino, non si?
Si, melloramos moito dende entón nestes aspectos, tanto a nivel curricular como formativo. Durante un tempo todos estes contidos mesmo constituíron unha materia individual, e aínda que foi suprimida, existe o compromiso de reimplantala no momento en que o PP perda a maioría absoluta. Hoxe, ademais, celébrase o día escolar pola paz en todos os colexios de Galicia, cando hai trinta anos isto era moi raro. A todo isto contribuímos, humildemente, ás veces con máis apoios, ás veces con menos, e ás veces con ningún, como vén sucedendo nos últimos anos. O SGEP non recibe ningunha axuda pública dende o ano 2010, cando anteriormente, con gobernos de todas as cores políticas sempre tiñamos algún apoio para realizar as nosas actividades.
Notouse tanto ese retroceso na última lexislatura?
Na última lexislatura houbo un retroceso evidente, comezando pola desaparición da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, que supuxo unha vulneración da Lei de Fomento da Educación e da Cultura da Paz, unha norma que segue vixente no Estado español, aínda que ninguén o saiba. Tamén hai un retroceso na convivencia escolar, a pesar do fume que todos os anos nos venden dende o Goberno. Neste aspecto impúxose a eterna visión da dereita de vincular estes problemas cunha cuestión de seguridade, de vixilancia policial, esquecendo alternativas, coma a formación do profesorado, a creación de figuras de mediación ou de participación das familias. Todo isto supón un desprezo polo traballo e a organización da sociedade civil e polo traballo realizado durante anos por moitas persoas e colectivos. Avanzáramos moito na mellora da convivencia escolar, por exemplo grazas á creación do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, durante a época do bipartito. Todo iso foi desbotado.
É a educación a única forma de loitar de verdade contra a violencia?
A educación é a primeira e a última trincheira. O esforzo en educación non é un gasto, senón que é un investimento. Pero ollo, todas estas cousas das que falamos hai que poñelas en práctica nos centros de ensino, pero tamén no ámbito familiar e coa participación dos pais e nais na vida escolar. Eu sempre digo que é no ámbito familiar onde se debuxa o mapa da personalidade primaria dos nenos e das nenas e onde se crea a cartografía dos afectos. No ensino dedicamos moitísimo tempo, durante moitos anos, a que os rapaces e rapazas aprendan a resolver complicados problemas matemáticos, e dedicamos moi pouco tempo a ensinarlles a resolver os seus propios problemas. Botamos man da educación para resolver todos os problemas, pero despois na práctica a educación é a eterna esquecida, e está a sufrir os maiores recortes, xunto coa sanidade e os servizos de benestar.
"Non fomos quen de aprobar unha lei galega de fomento da cultura da paz. Decaeu por un certo desinterese político do partido gobernante"Que é o máis positivo e o máis negativo destes trinta anos de actividade do SGEP?
Entre o positivo, eu destacaría o traballo sistemático do Seminario por achegar recursos didácticos ao ensino: unidades didácticas, libros de texto de primaria e secundaria, contidos audiovisuais... Todo isto antes non existía. E, despois, creo que foron importantes moitos actos de divulgación cultural, por exemplo os diálogos para a paz que organizamos en Compostela coincidindo co primeiro anuncio de suspensión da loita armada de ETA. Tamén destacaría a aparición da materia de Educación para a Cidadanía ou a aprobación das leis de Fomento da Cultura da Paz en Catalunya e no conxunto do Estado.
Entre o negativo, seguramente que non fomos quen de aprobar unha lei galega de fomento da cultura da paz, mesmo a pesar dun esforzo moi grande e a pesar de estar todos os grupos parlamentarios de acordo, e de comprometerse todos os grupos con Irina Bokova, directora xeral da Unesco. Apéname, porque traballamos moito nesta lei, e non había un rexeitamento formal por parte de ninguén, pero decaeu por un certo desinterese político do partido gobernante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario