venres, 30 de xaneiro de 2015

Non máis reformas sen consenso coa comunidade universitaria

O goberno do PP pretende aprobar outra reforma do sistema universitaria sen debate.


O goberno do PP pretende aprobar outra reforma do sistema universitario, sen debate coa comunidade universitaria, sen debate político nin social, sen unha avaliación da implantación da última modificación lexislativa e sen unha xustificación críbel das súas propostas.

Os cambios lexislativos que nos impuxo comezaron en 2012 cunha modificación da Lei orgánica de universidades, vía Real Decreto-Lei que aumentou os prezos das matrículas para achegalas ao custo real dos estudos, subíndoos significativamente en moitas comunidades; estabeleceu unha nova regulación da dedicación docente do profesorado e incorporou varias regras para que as comunidades autónomas limiten e controlen o gasto das universidades.

Continuou fixando novos requisitos para a concesión de bolsas e axudas ao estudo e implantando unha fórmula de cálculo que implica a diminución das súas contías. Ademais, as sucesivas leis de orzamentos xerais do estado e das comunidades autónomas estabeleceron novos recortes nos fondos destinados a bolsas e a transferencias correntes para as universidades, e impuxeron novas limitacións para a contratación de persoal coa imposición dunha ridícula taxa de reposición, producindo un envellecemento do cadro de persoal universitario.

Tamén mudou o sistema de acceso do alumnado á universidade en aplicación da LOMCE, e, nos últimos meses do seu mandato, o goberno propón aprobar tres reais decretos que modificarán a ordenación das ensinanzas universitarias, os requisitos para a creación de centros e universidades e o sistema de acreditación do profesorado universitario funcionario, fundamental para o acceso á profesión docente e investigadora.

As organizacións asinantes deste manifesto rexeitan estas iniciativas que pretenden converter as universidades en empresas de servizos educativos.

No podemos aceptar una reforma que se pretende aprobar sen avaliar os novos graos que comezaron a implantarse en 2007 no marco do  Plan Boloña e que, lonxe de facilitar a internacionalización dos estudantes homoxeneizando a duración cos estudos dos

países da nosa contorna, xerará novas disfuncións porque, como sinala o Consello de Estado no seu ditame do 15 de xaneiro:  “Parece difícil alcanzar tal homoxeneización cando dentro do noso propio país podería darse o caso, coa redacción do proxecto, que un mesmo título tivese unha duración diferente nunha universidade e outra”. Isto podería incrementar aínda máis as desigualdades entre comunidades e entre universidades da mesma comunidade.

Ademais, se temos en conta os elevados prezos dos estudos de posgrao e as maiores dificultades para o acceso a bolsas e axudas, estas transformacións dificultarán o acceso á educación superior ao alumnado con menos poder adquisitivo e, ao final, ocasionará unha diminución significativa do número de estudantes universitarios. A  nova estrutura de grao e máster reducirá nun 25% os títulos de grao, empeorando a calidade docente e abrindo as portas a novos recortes en profesorado.

Por outro lado, a redución do número de créditos necesarios para finalizar os estudos de grado e a previsíbel perda de alumnado terá un impacto negativo no financiamento das universidades públicas, dando lugar a una reconversión do sector que beneficiará as universidades privadas, que apostan polos posgrados como o seu principal ámbito de actividade.

As organizacións asinantes deste comunicado rexeitan as reformas que presenta o goberno e piden á comunidade universitaria que se sume a este rexeitamento.



NON AO 3+2 QUE ENCARECE OS ESTUDOS UNIVERSITARIOS E EXPULSARÁ O ALUMNADO CON MENOS PODER ADQUISITIVO

NON Á DESREGULACIÓN E FLEXIBILIZACIÓN NA CREACIÓN DE CENTROS E UNIVERSIDADES

NON A UN SISTEMA QUE PERMITE UNHA ACREDITACIÓN MENOS OBXECTIVA E SEN DEMOSTRAR EXPERIENCIA DOCENTE

Comunicado conxunto da CIG-Ensino, CCOO, UGT-FETE, CSI-F

Ningún comentario:

Publicar un comentario