Un
grupo de entusiastas dos produtos de Apple levan uns meses xuntando forzas
para reivindicar que Apple ofreza a posibilidade de empregar iOS e OS X en
galego, para o que crearon unha
conta de Twitter e unha páxina
web, Queremos Apple Galego, e esta iniciativa iniciada por Diego Boquete e Brais Fortes vai sumando apoios, e
agora tamén dan conta da súa iniciativa na Universidade de Vigo, dende a que o
profesor da ETSE de Telecomunicación e coordinador de TelGalicia, Manuel
Caeiro, tamén reivindica a galeguización do software de Apple. Caeiro comenta
que “queremos animar a todos os usuarios de iPads e iPhones a elixir o idioma
galego para os seus trebellos, é o noso particular xeito de dicirlle a Apple
que o galego se utiliza e que deben contar connosco”.
Un dos primeiros integrantes desta iniciativa, Brais Fortes, tamén é alumno de
Enxeñaría Industrial no ente educativo, e asegura que “persoalmente quero Apple
en galego porque quero poder desenvolverme co meu ordenador ou coa miña tableta
no meu idioma e porque quero que nas aulas nas que se empregan estes
dispositivos o alumnado poida traballar e aprender na nosa lingua”.
Dende a iniciativa destacan que nos últimos meses xa se fixeron algúns avances,
xa que as últimas versións de OS X e iOS xa contan coa posibilidade de
configurar o galego como idioma adicional, facilitando a creación de
aplicacións en galego, aínda que sen contar polo momento cunha interface
traducida á nosa lingua. Tamén salientan que no ámbito das TIC hai unha forte
presenza do galego, cunha comunidade de localizadores de software moi activa, o
que contribúe a que poidamos vivir o noso día a día en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario