A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) vai promover o uso das redes sociais no eido do ensino a través dun proxecto de innovación educativa posto en marcha por un grupo de sete profesoras e profesores do dito centro. O obxectivo: cambiar a día de hoxe unha metodoloxía e unha estrutura de ensino que non abrangue un achegamento efectivo á Internet e ás redes sociais, “malia ser estes elementos case que omnipresentes na vida do alumnado”. O proxecto materializarase no desenvolvemento dunha contorna virtual de aprendizaxe na Rede, que dará acubillo a unha rede social. A iniciativa contará coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA.
O proxecto diríxese a favorecer que os estudantes “estean utilizando en todo intre as TIC para realizar as aprendizaxes propias da materia a través das actividades propostas, xa que isto é algo que eles poderán usar no futuro como docentes”, resalta da directora deste proxecto, María Álvarez Lires. Xunto a esta profesora, os docentes Antonia Blanco, Uxío Pérez, Azucena Arias, Xabier Álvarez Lires, Francisco Serrallé e María Mercedes Varela participan nunha iniciativa impulsada desde o grupo de investigación DE05 Ciencia, Filosofía, Xénero e Educación e que abrangue sete materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, cursadas por preto de 500 alumnos.
Respecto da metodoloxía a empregar, trátase, segundo apunta Álvarez Lires, de artellar nas materias implicadas no proxecto un “método de aprendizaxe semipresencial” no que o alumnado, organizado en grupos de catro persoas, sume aos coñecementos recibidos na aula a posibilidade de construír as súas propias aprendizaxes mediante o traballo en grupo a través de Internet. O docente salienta neste punto as vantaxes de contaren cunha rede social propia, aberta só ao alumnado e aos docentes que participen. Con ela búscase que os estudantes sexan quen de organizarse, colaborar e comunicarse. “A idea é crear unha rede social supramaterias, de tal xeito que os alumnos, mesmo de diferentes niveis académicos, compartan un know how”, engade Francisco Serrallé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario