A Semente abrirá, próximamente, novos centros en Vigo e Trasancos tras a boa acollida do centro de Compostela. Insiste en que o seu modelo consolida a lingua dos nenos galegofalantes e “provoca mudanzas nas habilidades comunicativas” dos castelánfalantes. Tamén Avoaescola busca novas formas de crecemento.
Tres anos leva xa funcionando o proxecto autoxestionado A Semente, un proxecto de escola en galego,
que estuda xa ampliar a súa oferta educativa despois de que algúns
nenos quedaran sen prazas polas limitacións que, ata o momento, teñen os
seus centros.
A potenciación deste tipo de proxectos, entre os que se atopan outros
como o da Avoaescola, en Narón, chegan logo de que se teña coñecido unha enquisa do IGE que apunta a unha notable perda de coñecemento do galego por parte dos nenos.
Por iso, A Semente, considera “necessário e urgente”
dar resposta, como colectivo, “à gente que -sendo galego-falante
habitual ou nom- confia na imersom lingüística, e no modelo Semente,
para a educaçom dos seus filhos e filhas”. Por isso, este colectivo
quere abrir un proceso de interación cos veciños de Compostela –onde se
atopa o seu principal centro educativo--, para procurar “ideias, participaçom, informaçom sobre locais, vias alternativas, criatividade e inteligéncia coletiva,
para que o projeto da Semente poida crescer para atender a preocupaçom
das famílias que procuram um espaço de socializaçom em galego”.
A través dun comunicado, este colectivo suliña que o seu obxectivo é “consolidar o galego como a sua própria língua, no caso das crianças galego-falantes, ou adquiri-lo e desenvolve-lo com normalidade, no caso das crianças castelám-falantes”.
E, como exemplo, pon o seu proxecto educativo, un modelo de inmersión
lingüística “ligada a valores educativos como a coeducaçom, a interaçom
com a natureza, a laicidade, o assemblearismo ou o respeito pola
autorregulaçom da criança” que, din, “está a resultar um modelo eficaz
para a intervençom educativa sobre crianças de diferente perfil
lingüístico, conseguindo consolidar a língua das nenas e nenos
galego-falantes e melhorar atitudes e provocar mudanzas nas habilidades comunicativas das crianças castelám-falantes”.
As Escolas de Ensino Galego Semente son unha iniciativa social,
impulsada pola Gentalha do Pichel, que pretende conformar, xunto com
outros proxectos semellantes, “as bases necessárias para a criaçom da
Escola Nacional Galega. De feito, o colectivo ten previsto abrir
próximamente novas escolas en Vigo e Trasancos.
Tamén en Narón subsiste, sen ningún tipo de axuda institucional, outro proxecto educativo, o da Avoaescola,
un espazo educativo en galego dedicado, nun primeiro momento, a nenos e
nenas até os 6 anos, coa finalidade de se transformar nunha escola
infantil.
Avoaescola Ferrolterra realiza todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega,
co fin de que nenas e nenos "acaden o seu uso nas relacións afectivas e
de comunicación tanto sociais como familiares". Naceu apoiada económica
e socialmente pola Asociación Galiza co Galego, en colaboración coas
Asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega e Asociación Socio-Pedagóxica
Galega, e a Asociación de Escritores e Escritoras en lingua Galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario