Armesto denuncia nesta entrevista con GC que a Xunta está a promover as universidades privadas (xa hai unha na Coruña e pode abrir outra en Sada) mentres que as públicas e as bolsas soportan recortes. A convivencia de tres universidades públicas no país e a I+D son outros puntos desta conversa.
O presidente da Xunta prometeu unha nova dedución, do 25%, para
as doazóns á investigación universitaria. É esta a solución dabondo aos
problemas de recortes que levan varios anos sufrindo os investigadores
de todas as universidades?
En todo o mundo desenvolvido, incluído o sistema anglosaxón, o
investimento en investigación é público e está complementado cunha
política de mecenado. O primeiro seria incrementar a porcentaxe de PIB,
que en Galicia anda por volta do 0,8% fronte ao 1,3 estatal e o 2,2
europeo, imprescindible para a mellora do país. Nun mundo globalizado o
mellor investimento é en coñecemento e formación, de aí que os países
que máis invisten son os que melloran socioeconomicamente. O mecenado
debe ser algo complementario e que tamén se debe promover con incentivos
fiscais.
O Conselleiro de Educación dixo que está disposto a ir na
lista das locais, incluso pode que se presente a alcalde de Ourense.
Como valora Xosé Luís Armesto o traballo de Jesús Vázquez até o de
agora no referido ao mundo universitario?
A política do goberno galego no tema de universidades é moi
intervencionista e con escaseza de recursos dedicados ao sistema
universitario. No lado positivo, cabe sinalar o acordo coas
Universidades para conxelar as taxas académicas e non dificultar máis o
acceso á educación superior nesta época de crise financeira.
Unha opinión común en boa parte da sociedade galega é que o
localismo frea o desenvolvemento do país. Por exemplo, ter tres
aeroportos fai que ningún poida competir co de Porto. Por que esta
argumentación non é válida para o ensino superior? Pode un país de pouco
máis de 2,5 millóns de habitantes e cunha poboación moi maior
permitirse tres universidades?
O modelo de sistema universitario discutiuse no Claustro da
Universidade de Compostela en 1989 e eu defendín un sistema de
universidade única, descentralizada territorialmente e desconcentrada
funcionalmente porque me parecía un sistema máis axeitado para unha
planificación máis racional a nivel galego. A decisión política foi
outra e máis 25 anos despois, valoro positivamente o actual sistema
porque facilitou algo fundamental como foi aproximar os estudos
universitario ás grandes áreas urbanas dun xeito máis eficiente. Así
como facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades. Algo que
teoricamente podería terse feito co outro modelo, pero para o cal seria
preciso unha xenerosidade que non abonda. Os dous sistemas poden
converxer cunha maior cooperación das tres universidades, camiño que
estamos a percorrer de forma acelerada.
Cando foi elixido en 2011, vostede declarou que co goberno do
PP perigaban todos os servizos públicos en xeral, incluído as
universidades. Que valoración fai das políticas do Ministerio de
Educación na presente lexislatura?
Moi negativa. Hoxe téñoo máis claro con base nas evidencias de
desprestixio, desregulación e privatización acelerada destes anos dos
servizos públicos de educación, sanidade e servizos sociais. No tema de
Universidade o decreto de taxas de 2012 supón na práctica o incremento
do repagamento cara á privatización, a política de bolsas foi regresiva e
elitista, e o proxecto de decreto de flexibilización dos estudos
universitarios supón a evidencia da desregulación imprescindible para a
iniciativa privada.
Xa hai varios cursos que entrou en vigor a reforma do sistema
de bolsas na universidade. Que efectos concretos está a ter na
Universidade da Coruña. Que medidas puxo en marcha a Universidade da
Coruña para axudar aos seus alumnos ante o recortes das bolsas?
Tan pronto como se publicou o decreto, na Universidade da Coruña
puxemos en marcha dous programas de axuda para os estudantes co fin de
evitar que tiveran que abandonar os estudos. Un deles para eximir do
pagamento da matrícula a aqueles estudantes que por causas sobrevidas
non puideran facelo; o outro para aqueles estudantes que non accederon
ás bolsas do Ministerio pola maior esixencia académica aos bolseiros.
Con ambos os programas puidemos evitar o abandono de preto de 100
estudantes e servimos de estímulo para que a Xunta de Galicia tivera
programas similares, paradoxalmente para paliar a política de taxas e
bolsas do Ministerio.
Sorprende que, mentres as universidades públicas loitan contra
os recortes, a Administración favoreza a expansión dos centros
universitarios privados. Na Coruña xa está en marcha CESUGA que dá
arquitectua e empresariais e hai outro proxecto dunha universidade de
Oporto para montar enfermería e fisoterapía en Sada. Supoñen este tipo
de centros unha ameaza para o sistema público ou un estímulo polo
aumento da competencia?
Nin unha ameaza nin un estímulo. O que se fixo foi mudar unha franquía
por outra e o tema das franquías non está regulado, de modo que non
teñen unhas mínimas esixencias de calidade. A CRUE (Conferencia de
Rectores de las Universidades Españolas) leva tempo demandando do
Ministerio unha regulación deste tema. O que se nos esixe ás
Universidades galegas non existe para os centros franquiciados. As
regras de xogo son, por tanto, diferentes, e se queremos falar de
competencia, esta sería unha competencia desleal. Lembremos que a Xunta
de Galicia autorizou a implantación destes títulos co informe
desfavorable do Consello Galego de Universidades.
A Universidade da Coruña presentou varias propostas de
alegacións á Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2015. Como
valoran os Orzamentos para o ano próximo?
A UDC presentou unha serie de alegacións aos orzamentos de 2015 aos
grupos parlamentares e á Consellaría de Facenda sobre o control previo
da contratación laboral de profesorado contratado temporalmente, sobre a
redución salarial e sobre a devolución da parte deivindicada da paga
extra de 2012. Ningunha destas alegacións se tivo en conta, de modo que a
valoración é negativa, non só por estas cuestións, senón pola cantidade
en porcentaxe de PIB que é claramente insuficiente para o Sistema
Universitario Galego, o cal, de seguir así, fai inviable un servizo
público de calidade.
Unha das súas queixas fronte aos orzamentos é que a Xunta asume
o control previo para aprobar a lista de postos temporais de Persoal
Docente e Investigador. Non é normal que a Xunta, se financia as
universidades, teña certo mando sobre a política de persoal destas
institucións?
A Xunta xa ten establecido, por lei, un límite de gasto para o Capitulo
I, PDI e PAS que por suposto cumprimos. Entra dentro da Autonomía
Universitaria, neste caso autonomía de xestión, facer a política de
profesorado adecuada para a institución. Xa existe unha taxa de
reposición para o profesorado permanente que establece o Estado e as
universidades informamos á Xunta de todos os gastos do Capítulo I. Outra
cousa é a autorización previa para á contratación temporal, pois
vulnera, como dixen, á autonomía de xestión, dificulta o normal
funcionamento da institución, impide facer políticas de profesorado, e
ademais Galicia é a única Comunidade Autónoma que o fai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario