venres, 30 de xaneiro de 2015

30 de xaneiro: Día Escolar pola Paz

A CIG-Ensino chama o profesorado galego a aproveitar o Día Escolar pola Paz para intensificar nas aulas as actividades de promoción de valores e de distintos aspectos da cultura da paz.

Un ano máis, e diante da conmemoración do Día Escolar pola Paz, o 30 de xaneiro, a CIG-Ensino chama o profesorado a intensificar co alumnado o traballo de concienciación sobre a necesidade de adoptar patróns de conduta non violentos e de crítica coas guerras e con todo tipo de inxustizas e agresións.

O Día Escolar pola Paz, que se celebra desde 1964 en conmemoración da data na que foi asasinado Mahatma Gandhi, líder da independencia da India, supón pór en valor no ensino a cultura da paz, tendo como obxectivo promover entre o alumnado valores e actitudes que axuden á resolución pacífica dos conflitos.



Vivimos nun mundo no que son múltiples as inxustizas: guerras, explotación de mulleres e nenos e nenas, escravitude, eliminación de dereitos laborais e sociais, etc…. Inxustizas que non acontecen por acaso, senón que son propias dun sistema capitalista no que moitos gobernos actúan só como monicreques daqueles poderes económicos que buscan aumentar os seus beneficios, sen importarlles a custa de quen, ou dalgúns estados que actúan en función dos seus intereses xeoestratéxicos e non do interese do conxunto da humanidade.



Xunto con esas mostras de violencia máis visíbeis, atopamos outras expresións de violencia estrutural como a violencia no deporte e no ocio que, moitas veces, son tratadas nos medios de comunicación de masas como simples anécdotas ou como noticias estrela para atraer audiencia, sen profundar nas causas da mesma, facendo así que a violencia pase a formar parte dos patróns sociais de conduta.



Desgraciadamente, neste momento, hai múltiples exemplos de guerras, agresións e inxustizas, que poden ilustrar o noso traballo diario co alumnado para traballar a igualdade, a solidariedade e a xustiza social e para loitar por un futuro en paz.   



Aproveitando esta data, sabemos que hai moito profesorado que xa desde hai semanas está preparando actividades relacionadas coa cultura da paz e organizando actividades nos centros escolares, para promover entre o seu alumnado valores e actitudes que permitan acometer a solución dos conflitos do día e día, por medio do diálogo, do intercambio de pareceres e da negociación; profesorado ao que hai que parabenizar pola súa profesionalidade e sensibilidade  coa cultura da paz.





Para a CIG-ENSINO, a educación debe inspirar, divulgar e propiciar:



  • Iniciativas pola paz e o desarme, unha mellor comprensión e cooperación internacionais e a utilización con fins sociais dos recursos destinados ás guerras. 
  • A urxencia de rematar co imperialismo, o belicismo, o militarismo e a nuclearización.
  • A necesidade de evitar a difusión social e na escola das ideas e dos heroes insolidarios e violentos, do racismo e do fascismo.
  • Os valores de igualdade e de solidariedade como camiño para rematar con todo tipo de discriminación, acadando maiores niveis de xustiza social.
  • A solución pacífica dos conflitos, o respecto aos dereitos das persoas e dos pobos e o dereito dos pobos á súa libre autodeterminación.

    Debemos intentar que estes principios formen parte permanentemente dos contidos que a escola transmite e non restrinxilos soamente á celebración do "Día da Paz". Para isto, é preciso incorporar no currículo escolar contidos, obxectivos, métodos e técnicas da educación para a paz e, ao mesmo tempo, inculcar no alumnado o desexo de ser protagonista do seu mundo e de participar na construción dunha sociedade mais xusta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario