Para a Plataforma “É hora xa de rematar co quinquenio negro para a lingua galega impulsado por Núñez Feixó”
A plataforma cidadá Queremos Galego, formada por 
máis de 600 colectivos sociais de todo tipo, denunciou este mércores 17 
de decembro,  en rolda de prensa, que o nivel máis baixo de uso do 
galego, que indica a enquisa feita pública polo IGE, é a consecuencia 
lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso 
idioma que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de 
oficialidade formal mais non real.
“Tras a política de exclusión, probición e 
eliminación da xa escasa presenza social do galego, a ninguén pode 
sorprender estes datos do IGE”, sinalou Marcos Maceira, portavoz de 
Queremos Galego que responsabilizou ao Presidente da Xunta de mentir e 
pretender humillar e botarlle a culpa ás familias cando sinala que 
“nunca se ensinou tanto galego” ou que a “responsabilidade é das 
familias”.
Para Queremos Galego o único certo é que Feixó é o 
“principal responsábel desta situación” e que “nunca houbo tanto 
desprezo ao idioma de Galiza por parte dun goberno na etapa democrática”
 e chamou á Xunta a “pór en práctica todos os acordos sobre lingua e 
deixar de facer publicidade enganosa e manipuladora, comezando por 
derrogar o Decretazo contra o galego e pór en marcha dunha vez o PXNLG 
que ven de facer 10 anos”. Un decretazo, lembra Queremos Galego, feito 
sen acordo, imposto, e declarado parcialmente ilegal polo TSXG. O mesmo 
tribunal declarara plenamente legal o decreto de 2007 que contará co 
apoio unánime de toda a comunidade educativa e que era resultado da 
aplicación do PXNLG aprobado por unanimidade parlamentar.
Para Queremos Galego, todos pequenos avances que 
puido haber con respecto ao idioma foron froito do impulso da sociedade,
 a quen chamaron a mobilizarse máis unha vez para pór fin á política 
lingüicida e do presidente da Xunta.
Segundo sinalaron os representantes da plataforma 
cidadá, “Galiza precisa da súa lingua para existir” e ademais “calquera 
avance social só é posíbel tendo a lingua como principal sinal de 
identidade e cohesión social”. Para Queremos Galego “a lingua galega une
 e Feixó rompe co principal elemento de unión cando máis necesario é”.
“Este é o momento de asegurarmos o noso futuro 
colectivo e de mobilizarnos para defender a nosa lingua, a nosa 
existencia”. Neste sentido Queremos Galego chama a participar o próximo 8
 de febreiro ao mediodía, nunha manifestación que partirá da Alameda 
compostelá e que, segundo aseguraron voltará ser contar cunha 
participación masiva.
A plataforma chama a todo o pobo galego a 
participar, independentemente da súa opción política, e dar a máis ampla
 mostra de unidade en torno á lingua, mais cun chamado especial ás nais e
 pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e
 teñan competencias nel para poder utilizala, as nais e pais que lle 
transmiten a lingua as fillas e fillos mais observan con impotencia como
 a escola é un elemento de desgaleguización, aos máis de 4500 profesoras
 e profesores que manifestaron o seu compromiso de manter a lingua 
galega nas aulas malia os riscos da prohibición que impón o decretazo e 
mesmo a aquelas e aqueles que sen seren insubmisos queren que se 
derrogue o decretazo para que o galego volte a todas as aulas de Galiza.
A mobilización do día 8, contará cunha forte 
campaña previa por parte das máis de 600 entidades adheridas a Queremos 
Galego, que organizarán actos en todas as comarcas galegas. Ademais 
disponibilizarase un servizo de transporte para encher as rúas da 
capital de Galiza. A información ao respecto poderase seguir até o día 8
 de febreiro no web www.queremosgalego.org.
Como novidade o lema da convocatoria seleccionarase
 entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das miles de 
persoas que apoian a palataforma e das entidades adheridas.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario