Agora que a maior parte da poboación galega ten
dispositivo móbil e agora que todos estamos mergullados en maior ou
menor medida neste proceso comercial e tecnolóxico que practicamente
nos obriga a mudar de móbil cada pouco, é inevitábel que todos nós
teñamos no caixón da casa, como mínimo, un trebello en desuso que
agarda por quen sabe que. Pois ben, para Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galicia (ADEGA) está ben claro que o mellor que se
pode facer coa electrónica que non se usa é reciclala. E se ademais
con esa reciclaxe contribuímos a protexer aos grandes simios, mellor
que mellor. O caso é que ADEGA apúntase ao Día
Internacional da Reciclaxe de Móbiles (Non máis minerais de
sangue!) que se celebra hoxe e convídanos a reciclar
os nosos aparellos e contribuír, asemade, “a reducir a demanda das
valiosas materias primas que acubillan aqueles” e frear un algo a
sobreexplotación.
Como lembraremos, o Instituto
Jane Goodall promove o devandito día internacional para
concienciar da necesidade de aproveitar o noso lixo tecnolóxico e de
paso evitar a deterioración de valiosos ecosistemas (principalmente
africanos) nos que se emprazan as reservas dos chamados minerais
estratéxicos: coltán, casiterita, etc.
Así nos explica ADEGA de que vai o conto, un conto
que por desgraza tamén ten é aplicábel á nosa terra: “Na Galiza
temos tamén experiencia do que significa a minaría salvaxe, mesmo
dos chamados minerais tecnolóxicos, dos que hai xa proxectos de
exploración e explotación en marcha, ou sexa litio, estaño,
volframio e mesmo coltán que ameazan con trasladar a Galiza o modelo
de explotación salvaxe dos minerais de sangue que está a acabar
coas selvas tropicais e os grandes primates en África”.
ADEGA quere colaborar e difundir esta iniciativa do
Instituto Jane Goodall que aposta por reutilizar e alongar a vida dos
móbiles que non empregamos xa; “reciclar os seus elementos úteis
e evitar a contaminación que poden producir e de paso, apoiar as
iniciativas de conservación dos grandes primates nas áreas nas que
a minaría salvaxe ameaza a súa supervivencia”, engade a
asociación ecolóxica galega, que tamén lembra que para colaborar
na iniciativa (e sabermos a onde temos que levar os nosos
dispositivos vellos) hai unha páxina web con cumprida información
sobre participantes e colaboradores na campala,
www.mobilizateporlaselva.org.
Ningún comentario:
Publicar un comentario