A lingua galega esmorece nos espazos urbanos mais no rural, onde aínda é maioritaria, perde presenza através do ensino nas xeracións máis novas.
Os dados publicados pola Enquisa de condicións de vida das familias (IGE) en relación ao idioma alerta do importante descenso de falantes en lingua galega nos últimos anos. O máis preocupante a respeito do retroceso xeracional que reflicte o estudo onde as faixas de idade máis novas apena empregan o galego fronte un uso habitual mairitario do castelán (74,88% no caso das persoas entre os 4 e 14 anos).Este feito reflicte as consecuencias dunha política lingüística desenvolvida pola Xunta de Feijóo nos últimos 5 anos que varreu practicamente a lingua propia das escolas.
A este respeito, un estudo realizado pola Mesa arredor da situación do galego no ensino amosou como Dos 289 centros consultados pola asociación para a normalización lingüística, só 11 afirmaban teren a disposición do alumnado material didáctico na lingua propia, como cadernos de aprendizaxe. En troca, o 94,43% dos colexios enquisados aseguraba impartir as aulas maioritariamente en castelán e non chegar nen ao 33% estabelecido legalmente, en galego.
Esta realidade lingüística, que incide especialmente nos espazos urbanos, impide en moitos casos ás crianzas recibiren aprendizaxe en lingua galega, mesmo cando a súa contorna familiar é galegofalante.
“Cando os meus fillos comezaron a gardería viñan dun fogar no que se falaba cento por cento en galego nos últimos anos da gardería a miña filla Ánxela xa falaba máis castelán”.“Cando os meus fillos comezaron a gardería viñan dun fogar no que se falaba cento por cento en galego”, explica Mar Pérez Fra, nai e profesora universitaria no campus de Lugo. “Nos últimos anos da gardería a miña filla Ánxela xa falaba máis castelán”.
O ensino rural
O caso de Mar é o de moitas familias que residen na cidade de Lugo. Gardarías, escolas infantís, colexios e institutos imparten nas áreas urbanas a maioría das aulas e contidos en español, se ben, explica, “depende moito, tamén, da sensibilidade e vontade do profesorado”.
Esta foi unha das razóns –entre outras moitas-- que levaron á familia de Mar a se mudar a Friol, un concello próximo á cidade amurallada no que “a maior parte dos nenos fala galego”.
“Non foi este o único moitivo, procurabamos unha mellor calidade de vida mais estabamos certos de que Friol era tamén garantía para que os nosos fillos tivesen un ensino en galego”.
As súas crianzas teñen 6 e 7 anos e embora viviren nun contexto galegofalante o certo é que as mudanzas lexislativas están a introducir interferencias lingüísticas mesmo nos espazos rurais, onde aínda se mantén como maioritaria a lingua propia do país.
O decreto do plurilingüismo
“Paulo rematou infantil e está a piques de entrar en primaria”. O decreto aprobado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo sitúa esta materia entre aquelas que non poden ser impartidas en lingua galega. Neste senso, após introducírense as reválidas recollidas na LOMCE “en terceiro de primaria ha de examinarse de matemáticas e lingua castelá”. Así é que a proba deberá desenvolverse exclusivamente en español.
“Sorpréndeme ver o axiña que recoñecen cal é a lingua de prestixio”A súa irmá, un ano maior cá el, “contaba en galego mais agora non suma nen resta máis que en castelán”, sinala Mar Pérez Fra. Así mesmo, acrecenta, “sorpréndeme ver o axiña que recoñecen cal é a lingua de prestixio”.
Mar refírese así ás mudanzas lingüísticas que se producen nos grupos de crianzas, por exemplo, cando están xogando. “Se todos falan galego a lingua que usan é a galega mais no momento en que aparece unha outra persoa e fala castelán quen mudan son os falantes en galego”, explica pondo como exemplo situacións cotiás como as que se dan con frecuencia nos parques infantís.
“Os nenos non queren un conflito, senón que procuran igualarse” e saben, afirma, “que a lingua de prestixio é o castelán, a que usan os medios de comunicación, a dos libros que teñen nas bibliotecas”.
“Os nenos non queren un conflito, senón que procuran igualarse”O galego como o rural, desprestixiado
A presenza da lingua galega fica relegada, apunta Mar, “a ghettos” nomeadamente localizados no rural, un espazo que, no entanto, perde poboación e fica “menos valorado socialmente” ao igual que a lingua de uso maioritario.
As súas amizades, recoñece, “din que os seus fillos son unha excepción”. E non se trabuca. Familias próximas a esta profesora universitaria “tan comprometidas coma min ou máis pola cuestión lingüística teñen fillos que só falan castelán”. Pois non só as aulas se imparten neste idioma senón que os medios de comunicación, a ampla maioría dos contidos que partillan ou visitan na Internet e mesmo os libros de leitura están en español.
“Na escola dos meus fillos teñen unha actividade que consiste en levar un libro da casa que despois rotan entre eles, é unha maneira de valorizar a leitura”, explica. “Malia que a maior parte das crianzas son galegofalantes todas elas, agás dúas, levaron libros en castelán”. Mar está certa de que “non é unha decisión consciente” senón, simplemente, “máis doado”.