martes, 13 de xaneiro de 2015

Educación reduce un 62% as axudas á promoción do galego desde 2009

A consellería diminuíu de 800.000 euros a 300.000 ás axudas aos equipos de normalización lingüística. Tamén reduciu un 65% o orzamento dos proxectos de innovación en dinamización lingüística.

Desde a chegada do PP á Xunta, a partida destinada ás axudas aos equipos de normalización dos centros públicos descendeu en picado. De feito, pasou de 800.000 euros do curso 2009-2010, aos 300.000 euros deste curso. Unha redución de máis do 62% en seis anos.
 
De feito, a diminución ás axudas ao galego xa data do curso 2011-2012, cando Educación pasou de subvencionar estes equipos con 500.000 euros. Pero, a redución deste curso é case a metade desta cantidade, 300.000 euros. Unha diminución que, curiosamente, foi menor nos centros privados, do 55,4%.
 
Así o recolle a Orde do 30 de decembro de 2014 publicada o pasado venres pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade pública para o curso escolar 2014/15. Unha diminución que, ademais, chega logo dos datos oficiais do Instituto de Estatística que testemuñan a perda de falantes da nosa lingua.
 
Esta redución que xa foi duramente criticada por CIG-Ensino que, a través dun comunicado, xa pediu que se incrementen as axudas para facer “real  e posíbel” a promoción da lingua galega e que estas convocatorias se publiquen no mesmo mes en que se inicia o curso escolar. Ademais, piden que na comisión cualificadora dos proxectos de innovación participe o profesorado integrante dos equipos e que na comisión cualificadora das axudas se incremente a súa presenza, nomeándoo por sorteo.
 
De feito, CIG-Ensino lembra que vén reclamando reiteradamente que a convocatoria de axudas se realice co inicio do curso, “mais a Consellaría persiste en que isto non sexa así, facendo inviábel que se poidan realizar actividades normalizadoras durante o primeiro trimestre”. E é que, a convocatoria chega case a mediados do curso.  “E pretenden que pensemos que así se fomenta o uso da nosa lingua? Que actividades se poden programar cando non se coñece a convocatoria das axudas até o segundo trimestre do curso e non se sabe se se terá ou non axuda económica, nin a súa contía até que o curso remata? Como se pode interpretar isto se non é como desleixo e desprotección da nosa lingua por parte de quen ten a responsabilidade maior de promovela?”, pregúntanse.
 
O venres tamén se fixo pública a convocatoria dos proxectos de innovación en dinamización lingüística. Unha convocatoria para a que remata o prazo de presentación nun mes, a contar desde o 9 de febreiro en que se publicou na web da Consellaría. Tamén neste apartado, se reducen o numero de proxectos premiados, unha vez máis cinco, en lugar dos dez convocados en 2008, ou os sete de 2009. E é que a redución do orzamento destinado, que neste curso tampouco superará os 10.000 €, supón un 65% desde a entrada do PP na Xunta. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario