venres, 9 de xaneiro de 2015

O Gran Irmán non chegará ás escolas

A Xunta aproba unha Lei de Convivencia e Participación da Comuidade Educativa que limita o uso dos dispositivos móbiles nas aulas. Crearanse aulas de convivencia para os alumnos conflitivos e escolas de nais e pais que poderán propor iniciativas dirixidas a previr e resolver conflitos de convivencia.

Os rapaces non poderán utilizar os móbiles nas aulas. Estarán expresamente prohibidos agás excepcións moi puntuais relacionadas coa utilización destes dispostivos para fins pedagóxicas. É a medida estrela que a Xunta desenvolve nunha nova lei para fomentar a convivencia e participación da comunidade educativa.
 
O obxectivo, como anunciou Alberto Núñez Feijóo, é que Galicia “estea á cabeza na mellora do clima escolar". Por iso, esta nova lei afonda “na idea de corresponsabilidade"e artellase arredor de tres ideas básicas: a corresponsabilidade, a mediación e a prevención.
 
Corresponsabilidade porque, como dixo o presidente da Xunta, "todos os membros" da comunidade educativa deben ser "responsables" da convivencia escolar. Por iso, a lei recolle a creación do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade autónoma, que actuará como "órgano consultivo e de apoio" á comunidade educativa no que se refire á convivencia escolar.
 
No referente á mediación, a Xunta aposta pola “recuperación" do alumnado que "sufra ou provoque" algún problema. Por iso, avoga pola convivencia dentro da aula, a través do establecemento do procedemento "conciliador" para a corrección das condutas prexudiciais para a convivencia. 
 
Deste xeito, por unha banda regularase o funcionamento das aulas de convivencia "inclusiva" como alternativa a ese tempo de expulsión do alumnado do centro educativo correspondente. E, doutra banda, establécense as escolas de nais e pais, que poderán propor iniciativas dirixidas a previr e resolver conflitos de convivencia, e a fomentar o respecto mutuo, todo iso sen prexuízo do profesor, que, lembrou, é a "autoridade máxima" nas aulas.
 
No terreo da prevención, a Xunta avoga por actuacións formativas en materia de convivencia escolar, para as que se impulsarán proxectos de "innovación e investigación educativa" relacionados con esta materia.
 
Unhas medidas que complementarán as aprobadas xa pola Xunta hai uns meses; a do ciberbullying cun protocolo de prevención, e a do ciberacoso".

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario