Critican os recortes orzamentarios destinados a financiar a educación pública o que, din, acrecenta "as desigualdades".
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valorou en comparecencia de imprensa esta terza feira (13 de xaneiro) os orzamentos da Xunta para Educación en 2015. Para este colectivo "no canto de mitigar as desigualdades sociais" as contas veñen a acrecentalas "porque non recollen os investimentos necesarios para garantir a igualdade de oportunidades" no acceso ao ensino."Sen o investimento necesario non é posíbel o dereito á educación de todas e todos nen a igualdade", apuntou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, en representación da plataforma. Para as familias, o orzamento deseñado polo goberno galego mantén en "estado de coma" a educación pública, salientou Fernando Lacaci, ao tempo que continúa co proceso de "privatización" ao incrementar os fondos destinados ao ensino privado-concertado (236,6 millóns de euros).
A Xunta recorta o 1,5% dos orzamentos á Universidade e o 4,8% á promoción da lingua galegaE é que dos 2.090 millóns de euros destinados a educación --680 millóns menos que en 2009-- a Xunta destina o 11,7% á privada o que supón un incremento do 0,93% no ensino secundario e o 0,9% en FP, explican desde a PGDEP.
Entrementres, recórtanse as axudas destinadas aos libros de texto, os fondos a Universidades (-1,5%), a partida para transporte escolar (-1,34%) e á promoción da lingua galega (-4,8%). Aliás, mantense o mesmo orzamento para comedores escolares (38,7 millóns de euros).
Para a Plataforma as contas de 2015 "apostan na privatización e fortalecemento do ensino privado-concertado" ao tempo que "continúan os recortes, destrúen emprego e non atenden as necesidades educativas específicas de apoio". Desde o colectivo --no que se insiren representantes de toda a comunidade educativa-- a Xunta de Galiza persiste no "desmantelamento do ensino público" o que suporá, denuncian, o incremento da "desigualdade".
Ningún comentario:
Publicar un comentario