Xa temos un novo programa aberto a disposición da nosa comunidade, con todo o que iso implica (cousas como a posibilidade de usalo, enriquecelo ou adaptalo ás nosa necesidades máis concretas). Falamos desta volta da aplicación web de Xestión de Aulas (XEA) deseñada para a as aulas da rede CeMIT. A ferramenta en cuestión vén de ser publicada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no Repositorio de Software Libre da Xunta. Neste acubillo en liña, informa a axencia, está xa dispoñíbeis con licenzas libres tanto o código fonte completo da aplicación como a súa documentación. A idea de AMTEGA é facer posíbel as segundas e terceiras vidas para a aplicación en calquera outra iniciativa semellante á rede CeMIT.
Ao mesmo tempo, ábrese o vieiro para iniciativas de colaboración “que permitan a mellora da ferramenta e a incorporación de novas funcionalidades”.
Como lembraremos, a rede CeMIT é unha iniciativa que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, impulsando, ofreciendo formación pública e de balde en novas tecnoloxías a cidadáns e empresas. Ten rexistrados máis de 40.000 usuarios e leva impartidas máis de 144.000 horas de formación.
XEA facilita a xestión de todos os recursos da redes, adaptándose ás necesidades de axentes TIC e usuarios. “Por unha banda”, informa AMTEGA, “a aplicación permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan nos distintos centros da rede, a inscrición nas mesmas, apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos”. Por outra banda, explica a axencia, “facilita aos axentes TIC, responsables dos centros e das actividades a organización da súa actividade diaria”.
XEA é unha adaptación, desenvolvida por Fundetec para a AMTEGA, da aplicación ISIS que Fundetec desenvolvera previamente para a xestión do programa CyLDigital da Xunta de Castela e León. O código fonte pode ser descargado dende a páxina do proxecto no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario