A organización ecoloxista completou a súa asemblea, na que renovou a dirección que se encargará dos actos do 40 aniversario e tamén pediu a saída de Ence da Ría de Pontevedra.
O pasado sábado tivo lugar a 39 Asemblea Xeral de ADEGA, que se elixiu unha nova Xunta Directiva que organizará neste 2015 os actos polo 40 aniversario da asociación ecoloxista galega, que segue presidida por Virxinia Rodríguez con Xandro García como vicepresidente. Así mesmo entregaron os premios Osíxeno 2014 e aprobaron varias declaracións, como en contra da Lei Mordaza ou a favor da introdución de alimentos ecolóxicos do país nos menús escolares.
"Os alimentos ecolóxicos non son máis caros que os da agroindustria e favorecen á economía do país"
Así, Adega insta ás administracións a “introduciren os alimentos ecolóxicos e de produción local nos menús escolares e anima ás ANPAS a reclamaren unha alimentación máis saudábel e vencellada á terra”. “Consumir alimentos ecolóxicos, de tempada e de produción local nos comedores escolares non só é máis beneficioso para as crianzas, senón tamén para o noso agro, o ambiente e a economía do país, e en absoluto resulta máis caro que os alimentos procedentes da agroindustria”, engade.
Ademais, Adega criticou á chamada Lei Mordaza por seren “un ataque contra as liberdades civís e os dereitos fundamentais. A norma, aprobada en solitario polo PP, lembra aqueloutra Lei de Orde Pública franquista de 1959, mais coma co réxime que lle deu acubillo, tamén acabará caendo. Trátase dun golpe de estado encuberto para perpetuar no poder ao PP mediante a criminalización da protesta e a instauración dun estado policial, unha aberración democrática”.
Tamén se amosou a organización ecoloxista contra o Tratado Transatlántico Investimento e Libre Comercio (TTIP) que a UE está a negociar cos EUA e Canadá. “Estes acordos estanse a negociar de costas á cidadanía para ceder ás grandes empresas parcelas enteiras de soberanía dende os estados”, di Adega, que volveu pedir a marcha de Ence da ría de Pontevedra e criticou o Plan de Desenvolvemento Rural da Xunta.
Premios
A asemblea rematou coa entrega dos premios Osíxeno, que foi en individual para Xosé Luis Rodríguez Domínguez, presidente de Asoar-Armega (Asociación de Armadores de Artes Menores de Galiza); en colectivo para a Plataforma Sarriana polo Río e o de Honra para Xosé Manuel Penas Patiño, membro histórico da Sociedade Galega de Historia Natural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario