xoves, 19 de maio de 2016

Cen anos das Irmandades: "Todo por Galicia e para Galicia"

Tal día coma hoxe, pero de hai cen anos, unha xuntanza na Coruña supuña a fundacion das Irmandades da Fala. Nos locais da Real Academia Galega (RAG) na Coruña, unhas vinte persoas -entre elas Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón e Antonio Villar Ponte- acordaron a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala para a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia.
Hai cen anos, unha xuntanza na Coruña supuña a fundación das Irmandades da Fala
Sería a primeira das máis de dúas ducias que se espallaron por varias localidades galegas e nas que se foron integrando aos poucos persoeiros como Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, entre moitos outros. Celebraron o seu primeiro acto público cunha homenaxe aos mártires de Carral en abril de 1916 para, a partir da súa cerna, impulsar dous anos máis tarde a I Asemblea Nazonalista de 1918, de onde xorde o Manifesto que supera xa o rexionalismo. A evolución política deriva en diferentes expresións nacionalistas, ata que a fundación do Partido Galeguista supón a disolución das Irmandades, en cuxo seo naceran tamén o Grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.
Foi aquela xuntanza de hai un século o punto de inicio dun "movemento esencial para a dignificación do idioma e a renovación cultural galega", tal e como destaca a RAG. O xornal El Correo de Galicia, recollía na súa edición do 19 de maio de 1916 a nova sobre aquel encontro e destacaba que "tenía por objeto crear una liga o sociedad cuyos fines serán la defensa y excelsitud del idioma gallego", tal e como se pode ver no recorte que acompaña a información. Para celebrar esta efeméride, a Academia vén de dixitalizar e pendurar na súa web outro documento histórico dos varios que está a facer públicos desde hai semanas. Desta vez, trátase do regulamento publicado en 1918 pola Irmandade da Fala da Coruña.
A RAG vén de dixitalizar e pendurar na wúa web o regulamento da Irmandade da Fala da Coruña de 1918
A súa primeira frase abonda para resumir a esencia do movemento e dos seus propósitos: "Esta sociedade ten por obxecto o engrandecemento da nosa terra en todas as ordes. Por iso o seu lema ha de ser: TODO POR GALICIA E PARA GALICIA". Toda unha declaración de intencións. Pero hai moito máis.
Xa no terceiro artigo, queda clara a importancia central que a Irmandade lle daba á lingua entre os seus obxectivos, "por ser a fala o elemento que máis distingue os pobos e mais fixa o seu carácter, e polo tanto, neste caso, o mellor para a formación dun común espírito galeguista". "A Irmandade propagará por todos os medios o emprego do noso idioma. Por iso se chama Irmandade da Fala: Por ser o da Fala o primeiro problema que nos presenta a realidade", di o regulamento. Só unhas liñas antes, advírtese que o movemento "traballará decote para conquerír unha ampla autonomía para Galicia en todas as ordes" e pola "solución daqueles problemas que, sendo colectivos e permanentes, contribúa directamente ao progreso de Galicia".
"Esta sociedade ten por obxecto o engrandecemento da nosa terra en todas as ordes", destacábase no primeiro artigo
Xa que logo, proponse loitar pola "difusión da cultura científica, artística e literaria" do país e a "estudar as cuestións económicas, xurídicas e sociais", atendendo "fundamentalmente á organización dos labregos". É, neste primeiro artigo, onde se resumen os obxectivos dunha Irmandade organizada en catro seccións: a de cultura e fala, a de economía e estudos sociais, a agraria e a política.
No resto do regulamento aclárase a organización da sociedade e os requirimentos para entrar nunha Irmandade da que podían formar parte "todos os galegos -homes e mulleres- maiores de 16 anos" e "todos aqueles galegos que, sen selo de nacemento, o sexan de corazón". Instábase a formar seccións femeninas con cadansúa directiva e a posibilidade de creala, formada integramente por mulleres, aló onde non a houbese "e coa mesma autoridade que se fose de homes".
Malia ser o regulamento da Irmandade da Coruña, este prevía xa a creación de delegacións por Galicia adiante que deberían "servir de base para a creación de novas Irmandades" en canto "o grupo de individuos destas delegación sexa numeroso".
En canto ás funcións das seccións, destaca na de Cultura e Fala o obxectivo de "procurar a divulgación e fixación do galego", a "formación dun plan pedagóxico na educación galeguista do noso pobo" ou "procurar o intercambio cos centros culturais de Portugal". Na sección Política apostábase por "facer propaganda por medios de mitins, xornais ou folletos" ou "perseguir todos os atropelos electorais"

Precisamente, a Real Academia Galega celebrou na tardiña deste mércores, e da man do Concello da Coruña, un acto musical e literario no teatro Rosalía de Castro co que conemorou o centenario das Irmandades da Fala, xusto cen anos despois da súa fundación. Contou coa actuación dos coros históricos Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, Cántigas da Terra, Coral de Ruada e o Real Coro Toxos e Froles. Ademais, na parte literaria participaron Fina Casalderrey, Pedro Fernández, Carmen García-Rodeja, Cristina Lombao, Manuel Lugrís, Orleni Mateo, Isabel Risco e Manuel Rivas.
"As irmandades ollaron cara a fóra sempre co obxectivo de soñar Galicia"
No transcurso do acto o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, evocou unha "xeración comprometida e visionaria que mirou para fóra sempre co obxectivo de engandecer o propio, de soñar Galicia". "As Irmandades -di o rexedor- construíron Galicia dende a súa personalidade vangardista e pensaron Galicia sabendo que non podían facelo se se reignaban a renunciar a ela". "Porque non se pode", conclúe Ferreiro, "soñar un pobo sen ter arelas de liberdade, igualdade e fraternidade; ao cabo, sen ter arelas de irmandade".

Compostela súmase á celebración do centenario

O Concello de Santiago tamén se suma á celebración do centenario das Irmandades da Fala, cun amplo programa de actividades que este mércores presentaron o alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. No acto tamén participaron familiares de Luís Porteiro Garea, fundador da Irmandade da Fala de Santiago.
O groso da proposta desenvolverase o sábado 28 de maio, no mesmo día no que naceu a Irmandade da Fala de Santiago, dez días despois da creada na Coruña. As actividades, segundo destaca o Concello, lembrarán o discurso co que se fundou a Irmandade compostelá, pronunciado por Porteiro Garea. O alcalde incidiu na importancia da figura deste avogado, "que en 1916 fixo un relato que segue estando de plena actualidade cen anos despois, e no que falou de lingua pero tamén de historia, de industria ou de música". Martiño Noriega salientou algúns puntos do discurso "que serían aplicables hoxe, como aqueles nos que fala de que os galegos temos que coñecer mellor a nosa historia para afrontar os nosos problemas, da necesidade de respectármonos máis a nós mesmos e ao noso idioma, das dificultades para utilizar o galego no ámbito da xustiza".
Tamén interveu na presentación da Alameda o neto do fundador, Antón Porteiro, que agradeceu a homenaxe ao seu avó, que "chega tarde, pero chega". Lembrou que Luis Porteiro foi "unha das figuras máis silenciadas polo franquismo".
As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas
As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.
Haberá tamén teatro e monicreques, exposicións ou intervencións artísticas que encherán a cidade vella de retratos de persoeiros das Irmandades. No apartado musical, están previstas actuacións en distintos espazos do centro histórico, con Ricardo Parada, a Escola Vivantes, Cantamadeira, O Fondo do Peto, Alba María ou O Caruncho. Os escenarios das actividades tamén estarán relacionados coas Irmandades da Fala de Compostela: o claustro de Fonseca, a Facultade de Filosofía, a rúa do Vilar, a praza de Cervantes, o Instituto Rosalía de Castro…
O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval
O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O acto pecharase cun concerto co tenor Joaquín Pixán e o pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago

Ningún comentario:

Publicar un comentario