Se mesturamos as posibilidades de desenvolvemento e
colaboración do software e hardware libre actuais cunhas boas doses
de excelencia creativa e innovadora galega, engadíndolle un toque de
compromiso coa docencia e a aprendizaxe, teremos boa parte do terreo
preparado para a chegada Eiro. Trátase do proxecto para un robot
educativo impulsado pola firma compostelá Neukos
Robotics, que vén de abrir campaña específica de crowdfunding
en Goteo e que busca, con esta iniciativa, botar
abaixo boa parte dos atrancos e limitacións establecidas polos
fabricantes tradicionais deste tipo de aparellos: atrancos e
limitacións que, unha vez máis, teñen que ver coa tecnoloxía
privativa. Eiro, para entendérmonos, é (pola contra) un kit de
robótica didáctica para darmos forma a un robot programado con
software libre e baseado na plataforma aberta Arduino. Fabrícase con
pezas extraidas de impresión 3D. Todo o relativo a isto será tamén
open source.
Este compromiso total de Neukos a prol do código
aberto dará marxe aos usuarios de Eiro para unha total liberdade de
uso, adaptación e desenvolvemento: poderán modificar a súa feitura
estrutural, a súa arquitectura hardware e máis o código de seu. Na
súa campaña en Goteo Neukos quere acadar o orzamento mínimo
preciso para aplicar a Eiro o pulo definitivo en centros educativos
de todo o ámbito estatal e mesmo máis alá. O kit acompañarase de
aplicacións para o seu emprego, guías de ensino e material e
recursos de envío e presentación.
A vontade universal de Eiro, por outra banda, non
está rifada coa súa galeguidade: semellan encaixar coma unha luva.
De feito, o aparello non pode agochar de onde provén: o seu deseño
está inspirado no traxe tradicional de baile galego, e isto explica,
segundo informa Neukos, “que as pezas do robot fagan uso das
cores negra, vermella e branca". O aparello inclúe tamén
unha peza de cinto vermello a xeito de faixa e, ademais, a feitura da
cabeza, lembra o pucho tradicional empregado no baile galego.
A un nivel máis concreto, o kit Eiro está
integrado polos seguintes elementos: placa compatíbel con Arduino,
placa de expasión, sensor de ultrasónicos, zumbador, sete servos,
LED RGB, módulo Bluetooth, cable conexión ao PC, pezas estrutura
robot, guía de montaxe e guía educativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario