xoves, 26 de maio de 2016

Máis de 60.000 estudantes galegos e portugueses poderán adestrarse en empregabilidade na feira virtual FINDE.U

Os vindeiros días, do 30 de maio ao 3 de xuño, desenvólvese na Universidade de Vigo a FINDE.U, Feira Internacional Virtual de Emprego. No evento, que se desenvolve en formato dixital dando acubillo a 61.000 estudantes das tres institucións académicas organizadoras da Feira (UVigo, Universidade de Porto e Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro) e máis de 100.000 titulados, participarán empresas como Abanca, Indra, Levantina, Gestamp, Parfois, Qreer, Starwood Hotels & Resorts, Technogarden ou Deerpark House. A día de hoxe, xa case hai un cento de firmas e entidades que confirmaron a súa presenza, sobre todo procedentes de España e Portugal. Delas, 63 son empresas que ofertan contratos ou prácticas; 17 son puntos de información e 11 son redes Eures de diferentes países.
Ao longo de cinco días a Feira Internacional Virtual de Emprego desenvolverase como “unha plataforma interactiva para poñer en contacto entidades empresariais que procuren persoal con estudantes e xa titulados que estean iniciando a súa andaina no mundo laboral”, sinalan os co-organizadores galegos, a equipa da Área de Emprego da Universidade de Vigo, cuxo responsábel, Alejandro Martínez, explica que “durante esta semana as empresas están comezando a subir as súas ofertas e os alumnos e alumnas que estean matriculados poden inscribirse xa nas sexan dos seu interese”. Sobre o tipo de ofertas publicadas até o de agora, Martínez salienta a súa “heteroxeneidade, con todos os sectores e titulacións representadas” e con especial presenza de eido da enfermaría, a docencia no estranxeiro, as novas tecnoloxías da información, a enxeñaría ou a moda.
A Feira conta con bos precedentes: organizouse por vez primeira en Porto, o ano pasado, “con moito éxito de participación”. Agora, os impulsores do evento queren darlle máis pulo internacional, apostando de cheo pola dixitalización como fórmula-instrumento para abranguer máis empresas, estudantes, sectores empresariais, obxectivos e froitos a recoller. A idea, polo tanto, “é ir alén do que ofrece unha feira de emprego tradicional”. Segundo lembra a organización respecto do que poden achar os posíbeis participantes, “os estudantes atoparán nas ofertas de empresas e institucións oportunidades laborais, prácticas profesionais e oportunidades de investigación, mentres que o empresariado poderá publicar as súas ofertas e recibir e filtrar candidaturas, ademais de realizar entrevistas en liña a candidatos previamente seleccionados”.
Os estudantes contarán co apoio técnico e asesoramento da Rede EURES durante todo o evento, participando en seminarios e relatorios tanto en liña como presenciais en cada unha das universidades.
Ademais da participación en liña, o alumnado inscrito poderá asistir de maneira presencial, os días 30 e 31 de maio, ás sesións que se celebrarán en varias salas da Universidade de Porto, UTAD e Vigo sobre temas como a busca de emprego en Europa mediante EURES, as posibilidades de emprego científico para investigadores ou sobre como crear un perfil Linkedin, entre outros contidos. No caso de Vigo, as sesións terán lugar na sala I do edificio Miralles e todas elas poderanse seguir tamén dende as dúas salas virtuais habilitadas na web da Feira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario